Opinión

Unha cantiga sin alma

"Zorra” parece que será a representante de España no vindeiro Festival de Eurovisión. Pasados os anos, e vendo o que a día de hoxe acontece na elección da cantiga para ise festival, a conclusión que se pode sacar é que a música que sae á luz pode clasificarse de “música clinex”, pois soamente vale para o consumo e pasado un tempo vai ó caldeiro do lixo, que é o esquecemento. Se buscamos comparacións co que acontecía unha xeración atrás, para elixir a cantiga representativa de España nese evento musical, partíase doutros parámetros. Polo que o texto e a música tíñanse máis en consideración. A conclusión é que, co avance das chamadas novas tecnoloxías, impúxose un modelo de elección no que a calidade artística decaeu e con ela as cantigas que nese festival queren concursar. A música e a calidade dos textos pasaron a seren ocupados por unha escenografía que converte toda a escena nun espectáculo de cabaré no que as luces, o son gravado e o artificio substitúen á calidade artística.

Moitos foron os éxitos que Eurovisión lanzou no mundo da música. Algúns aínda seguen a sonar. Moitas foron as cantigas que, interpretadas en directo coa orquestra en vivo, lle deron emoción a un festival que, cos seus defectos, tivo tempos de certa gloria. As cousas mudaron e a cita de Eurovisión xa case non interesa. E nesa mudanza de caída de calidade participou a configuración dos xurados que elixen a cantiga que neste caso representa ó noso Estado. A primeira cuestión radica en que na composición dos xurados hai escasa presenza de músicos, xente de letras e compositores. Logo a isto hai que sumarlle á participación do público coas súas mensaxes e peso; participación que ten moita importancia na decisión final. E hai que engadirlle a escenificación que, a día de hoxe, tomou un peso excesivo e que vai contra a calidade e contido do espectáculo. 

A música, cando carece de calidade e os seus textos son banais como é o caso de “Zorra”, perde interese e convértese nun obxecto de consumo para axiña esquecelo. E iso é o que acontece cando se banaliza todo ou se fan valoracións sen ter un coñecemento amplo e sosegado do que se di ou se pretende transmitir.

A excesiva tecnificación actual parece que ven relevar a creatividade artística e a quitarlle valor a palabra, as notas, acordes e harmonías que nos levan a soñar paisaxes e momentos e tamén a lanzar mensaxes a unha sociedade imbuída polos ritmos chocalleiros e machacóns. Unha sociedade que soamente crea masa e que embrutece á xente que, con un son excesivo, move os que a escoitan como se fosen zombis.

Sei que as innovacións da técnica traen cousa positivas, mais a creatividade dos homes, a dos artistas, a dos músicos e compositores nunca a poderá substituirse .

Vivimos tempos nos que a cultura de masas soamente é a que ten valor. E trunfa todo o que se considera divertimento. O obxectivo único é a diversión. Ise modelo témolo preto de nós, na nosa cidade. Todo é troula e diversión. Tristeiro obxectivo que soamente crea papanatismo, falla de criterio e aborregamento.

Esta España de pandeireta xa ten cantiga para levar a Eurovisión. Xa ten unha peza sen contido artístico e sin alma, algo semellante a do ano pasado. Viva a mediocridade!

Te puede interesar