Opinión

Cara unha patoloxía crónica

Non importa o que se prometeu na campaña electoral. Non importa que lle chamaran mafia de partidos. Tampouco importa que os tres grupos denunciaran diante a Xustiza irregularidades e chanchullos; nin xiquera a promesa de que fulano nunca será alcalde co voto directo ou indirecto dos que así falaban. A política non ten espazo diante o dilema: ó adversario nin auga, ou se o prefiren, canto peor, mellor, pois xa chegaremos nós para arranxalo todo. Non importa a cidade nin o prestixio da institución. 

De non mediar un milagre e un acordo de última hora, a lista máis votada, co sr. Jácome á cabeza, mandará, que non gobernará, que é cousa ben distinta, e seguira empobrecendo e esnaquizando o prestixio da institución sita na Praza Maior. 

Os tres grupos que tiñan que estar de acordo e apartar ó candidato de DO da cadeira de mando, non parecen capaces nin de tomar un café xuntos, e menos de asinar un acordo de mínimos para encamiñar e arredar do lodo a política do Concello. Por non ser, non son capaces de dar un chisco de esperanza para xuntar 14 votos e acadar á maioría, impedindo que un alcalde leve ó esmorecemento a unha cidade que camiña sen rumbo nin concerto cara ó colapso dos servizos máis importantes hoxe en precario. Se tres grupos suman 17 concelleiros dos 27 da corporación e no anterior mandato foi alcalde o terceiro partido en número de votos, por que agora non se pode facer de novo? Todo é posibel; máis parece que desta vez ás eleccións xerais son o impedimento para osixenar unha institución que podrece. Ourense seguirá sumida no capricho das corruptelas e das ideas e ocorrencias que vaian aparecendo despois dunha noite sen durmir ou de esmorga e festa rachada. 

Despois de escoitar a concelleiros da oposición co seu argumentario ben aprendido, doulle a razón ó sr. Nespereira, que me espetou unha frase case lapidaria: “A Xustiza non pode arranxar os problemas que son competencia da política e dos políticos”. E esa é unha verdade que manca. Durante a campaña das municipais, os tres grupos dixeron é repetiron ate a saciedade que non votarían a Jácome; pode que iso aconteza, pero o silencio ou o voto a súa propia candidatura en minoría, será un voto indirecto a favor da persoa que tanto criticaron, que tanto os insultou e que os tres grupos denunciaron nos tribunais. Vaia contrariedade. E así están as cousas. O querer o peso e as cinco pesetas, caso do PP, e o purismo ideolóxico mandado dende Compostela, xunto a ausencia de liderazgo de todos, esta a axudar a que anomalía democrática se cronifique e que esta cidade sexa un caso único digno de estudar sociolóxicamente. 

As patoloxías sociais, sen ser maioritarias, escarallan o futuro das sociedades e, neste caso, desta cidade de interior. Dende hai anos, Ourense nin está nin se lle espera no devir da política galega. Mentres se fala dela como un caso atípico e raro; mentres se tilda como un lugar onde impera a lei do máis forte ou do Oeste; mentres se paga con postos na Administración ós que encobren sancións de tráfico, nada vai cambiar. Ourense non conta para nada na política desta terra. Só sirve para dar maiorías absolutas sen rentabilizar nada polos votos que aporta.

Moito terán que argumentar uns e outros por non saber perder todos un chisco e abrir unha porta, ou unha pequena fiestra de esperanza, nesta urbe ida a menos. Uns porque son puristas e se consideran redentores do país, outros porque o queren todo e non axudaron a facilitar un pacto que mirase para a maioría aplastante dos ourensáns. E como case todos aspiran a seguir no machiño, todo lle vale e todo lles é pouco. O certo é que esta cidade sen mar vive nun mar de merda que o anega e contamina todo. E dentro dela navega unha parte da sociedade que non aspira a nada e outra que cala. Os gobernantes e entidades sociais de todo tipo que pululan nela dan pena. Pena deste Ourense onde todo está xunguido aos intereses partidarios e persoais de individuos que viven da política. Mentres, a cidade morre e é o faime rir nos informativos estatais.

Te puede interesar