Opinión

Castro Floxo e Seixalbo

Os anos bulen tan de presa que case, sen decatarmos, pasamos de 1977 ás datas actuais. Ou sexa: do século XX ó XXI. Mais, facendo memoria, moitas son as lembranzas que ó rebuscar no baúl dos recordos afloran e fannos revivir un tempo que non volverá máis.

Eran os anos primeiros da democracia e os que eramos mozos desexábamos facer actividades culturais, pois estaba a alborexar un tempo novo. E presentíase un tempo que anunciaba cousas positivas. Había moitas gañas de deixar atrás a longa noite de pedra. Asi que, un grupo de rapaces que andaba arredor do chamado Ballet Folclórico Ourensán, xunto a outros que se foron sumando e coa colaboración duns gaitieros do grupo Eiras Nosas do Carballiño, comenzaron a ensaiar no baixo da rúa de Amento nº 6 desta antiga Vila e Couto. Xa anos atrás, no chamado Clube de Amigos e despois no Teleclube, un grupo de xente con inquedanzas organizaba actos culturais en Seixalbo, pero non transcendían na cidade. Tentábase reunir á xente e crear comunidade social. Na memoria quedan obras de teatro na praza e mesmo unha revistiña que por casualidade chamábase Euro.

O certo é que, guiados por un rapaz de Dacón chamado Tomás Bernárdez, e o seu irmán Manuel, comenzou a camiñar un grupo de danzas sen nome, sendo ó ano seguinte cando apareceu, despois de baraxar outros, o nome de Castro Floxo, termo onde veciños de Seixalbo teñen propiedades e onde, segundo din, houbo un pequeno castro. 

Pasado un tempo, o grupo marchou da rúa de Amendo para ensaiar nun local máis amplo na rúa Seixalbo, na casa dos Fernández Senra. Alí Xulio e Mariló, o segundo e terceiro dos catro irmáns, tomaron as rendas artísticas do grupo. Logo viñeron os contactos con Xaquín Lourenzo e a recollida de pezas e bailes pola xeografía ourensá. Antes diso xa houbera moitas actuacións en festas. Mais co convenio coa Deputación Provincial o grupo comenzou a visitar países e participar en eventos culturais importantes. Ucraína, Francia, América, Arxelia e un longo etc. Por eses lonxanos lugares andivo Castro Floxo. Ate o momento ten o grupo no seu haber visitas a máis de 22 países de todo o mundo, e fíxoo levando o folclore galego con moita elegancia e sobriedade.

Hoxe, ó ollar as publicación e as fotos e todo o traballo feito por este grupo, e ver os que daquela eran nenos e hoxe pais de familia, algúns xa con netos, revívese o camiño andado que foi moito. Eu, que tiven a sorte de colaborar con este grupo nos seus inicios, ó ver a andaina feita quero, dende estas liñas, facer un recoñecemento público a todos os mozos e mozas que co seu grao de area axudaron ós éxitos que tivo Castro Floxo. E en especial quero resaltar o traballo feito por Xulio Fernández Senra, persoa que soubo buscar os apoios necesarios para que esta formación siga baixo o padroado da Deputación Provincial, promocionando o folclore e as tradicións da nosa terra.

Os que formamos parte activa de Agromadas sentímonos moi ledos de poder deixar moi claro que a agrupación de danzas populares Castro Floxo naceu en Seixalbo e xa forma parte, con pleno dereito, da historia da nosa vila. Longa vida a este colectivo cultural que a día de hoxe sigue moi vivo a traballar pola cultura galega. 

Te puede interesar