Opinión

No centenario de Piazzolla

Aínda que hai moitas definicións no referido á música, entendo que a máis axeitada é a que di: música é a arte de combinar os sons e o tempo. Esas poucas verbas van máis alá do que se entende por produción física do son, dado que abrangue á creación e a expresión de sentimentos, ideas e estados de ánimo. Ou sexa: a música, primeiro de todo, queda definida como un arte. Pois ben, falando de expresión e sentimentos, neste ano celébrase o centenario do nacemento dun músico que marcou un tempo non só polas súas composicións, senon porque foi quen de abrir un debate sobre a permanencia de estilos e formas a través do tempo. Este arxentino, de pais italianos, foi considerado polos clásicos do tango, que naceu nos arrabales e pasou logo os cafés, como o asasino dese estilo musical. As súas composicións rachaban coa forma e tamén coa harmonía ate o momento coñecidas, cuestións que os clásicos tradicionalistas consideraban permanentes e fixas. Máis co paso do tempo, esas disputas perderon forza, e Piazzolla abriu portas a unha forma diferente de entender unha musica que vivía ancorada no pasado. Os entendidos comenzaron a valorar as súas creacións elevándoas de rango e abríndolle portas nos escenarios internacionais.

As obras de Piazzolla recollen dende o ritmo máis trepidante ate as partes tremendamente románticas, sensuais e fermosas. E veñen a demostrar que toda música, por moi tradicional que se considere, sempre está sometida, sen perder a raigame, á evolución permanente. Dado que de non facelo será soamente unha lembranza nostálxica e pasará a ocupar un lugar reducido como se fose unha lingua morta ou con escaso uso. Iste importante músico deixóunos obras como as catro estacións porteñas, historia do tango, libertango e unha cantidade moi importante de composicións que hoxe se escoitan en todo o mundo. Todas as súas creacións son tocadas polas mellores orquestas do planeta e aparecen nos programas xuntos con obras de autores clásicos con Bach, Mozart e outros compositores de renome mundial. 

Que mensaxe podemos extraer deste extraordinario músico: pois, ademais de escoitar as súas composicións, a primeira conclusión é que toda música tradicional ten dereito a evolución e con elo aspirar a situarse nun lugar de máis consideración que a de ser un apéndice testimonial dun pais ou dunha nación. Tamén a non ser unha música asimilada a un determinado instrumento como se ise fora o único que a pode expresar. A segunda consideración é que a música é un arte que expresa sentimentos e emocións, e que a tecnificación excesiva e a mecanización da música é un mal camiño para que esta exprese e transmita unha mensaxe artística.

Se a música é arte como a define a frase inicial, cultivar esta faceta pasa porque non perda ise calificativo. O demais, a mecanización dos sons e as creacións estandarizada somente con fins comerciais e toda esa borraia de chunda chunda que nos invade, lévanos cara outra cousa que xa nada ten que ver coa arte de crear boa música, transmitir mensaxes e sentimentos artísticos que nos emocionen.

En fin, que a música de calidade de Astor Piazolla encha de sensibilidade a unha sociedade que camiña cara un chunda chunda musical cada día máis presente nas nosas vidas.

Te puede interesar