Opinión

Coidado: chove odio

En democracia nunca chove a gusto de todos. Esa é unha das características desta forma de vivir en sociedade. A vida política sempre tivo diferentes ideoloxías e, como consecuencia diso, distintas receitas e puntos de vista e, polo tanto, sempre hai moitas formas para solucionar o día a día nas sociedades onde existe esta maneira de gobernar. O malo é cando, na vida política, entran persoas ruíns, mesquiñas e intransixentes. Persoas que se cren donas da verdade e que consideran ós demais seres inferiores, e se non pensan como eles, xente inimiga. Persoas que pechadas no poder do seu ego, soamente ven por un burato e tratan de impoñer a súa ideoloxía á forza. Logo fuxen de confrontar ideas e sobor de todo de razoar fríamente cos que pensan e propoñen solucións distintas ás deles.

Eses grupos, que nacen primeiro sementando mentiras, medias verdades e moito odio, son o cerne onde acubilla e se xeran estas ideoloxías ultras. Xeralmente son grupos onde o caudillismo mesiánico impera; son algo semellante a sectas que lanzan catro consignas que apelan ó sentimento, pero que agochan intencionadamente o seu programa político, pois son inimigos da democracia.

Dende hai uns meses estamos a padecer unha situación que nos retrotrae ós tempos das dúas Españas. Dúas formas de ver e de enfocar os problemas que neste século temos como sociedade. Mais, o que tiña que ser unha confrontación de ideas e proxectos dialogada, está dando pasos cara á apelación dos sentimentos máis baixos e a un renacer das ideas fascistas.

A dereita española nunca tentou homologarse ás democráticas do resto de Europa. Sempre tivo un víncallo co franquismo do que non foi capaz de liberarse. Os novos cachorros, hoxe lideres, soñan co poder por riba de todo, e diante eso a verba democracia pasa a ser unha cousa secundaria. Que ninguén se extrane de ver os pactos cos inimigos da democracia.

Comenzou con Donald Trump e aproveitando a situación da pandemia e o cansanzo que dela se deriva, nas redes e nalgúns medios, as medias verdades, as trolas e unha linguaxe belixerante foron creando un caldo que levounos á demonización da democracia, feito que empeza a ser moi perigoso.

As eleccións á comunidade madrileña son un bo exemplo para analizar: a señora Ayuso non presenta programa e so fala de recuperar a liberdade. Fala de liberdade ou comunismo. Pero acaso non temos neste país todas as liberdades? E o lexionario Abascal basea a súa campaña en catro mentiras: os menas, o pin parental, a delincuencia e a fobia á emigración. Non hai programa pola parte da dereita. So medias verdades, mentiras e moito odio.

Chove odio dende hai un tempo neste noso Estado. E chove case diariamente. E o máis curioso é que moita xente pica e, sen reflexionar un chisco, deixase levar por estes dirixentes con cara de guerreiro ou soldado lexionario e con faciana de monxa beata que morde cando fala.

Malos tempos nos agardan. Espero e desexo que os dirixentes das restantes forzas políticas saiban pechar filas diante esta ameaza real á democracia.

Te puede interesar