Opinión

Coidado cos populismos!

En tempo de crise, os defectos da sociedade á que pertencemos agrándanse, medran e todo se atopa en estado de revisión e crítica permanente.

Crítica que ás veces está motivada polo cabreo, e que ó facerse en quente, é moito máis destrutiva que positiva. E no medio desa fervenza de cabreo e ideas revoltas aparecen os populismos salvadores. Si, aqueles que aproveitándose das grandes eivas, mentiras, roubos e falcatruadas dos grupos que gobernan ou que están na oposición, lanzan unha verborrea que pretende convencernos de que eles solucionarán todos os desmáns e corruptelas habidas e por haber.

Pero que ocultan tras de si os populismos? Agochan resentimento, mediocridade e, sobor de todo, oportunismo para dicirlle a todos o que lles convén escoitar en cada momento. Se non andamos listos, colocamos no poder a persoas que logo nos levan cara situacións políticas pouco racionais onde manda máis a improvisación, a intolerancia e merma o sosego e a razón.

Coidado cos populismos, pois son treboadas que veñen e anulan a reflexión e o pensamento crítico e meditado e pódennos conducir cara camiños onde prima o resentimento. Tras de si traen pobreza e agochan males difíciles de remediar. Pensemos nas ditaduras e nos tiranos que tanto mal lle fixeron a moitos países. Todos foron persoas moi populistas que criticaron a política. Eran apolíticos que facían unha política exclusivamente personalista e caprichosa. Na política local tamén hai representantes populistas que actúan tentando satisfacer o ego persoal, ó marxe dos interese colectivos. Un representante local ourensán, movido por impulsos pouco razonables e sensatos, hai un tempo dícíame: o importante é gañar eleccións e chegar á alcaldía. Pregunteille polo proxecto para gobernar. Contestou de maneira contundente: o importante é chegar ó poder e rematar con todo o que hai, que é unha merda. E que vas facer se chegas? Con quén vas pactar? Como vas gobernar? Silencio. Pero, que concepto tes ti do que é público e de cómo se goberna? Acaso pensas que o Concello é o teu negocio ou a túa casa? Contestación: o importante é chegar. E seguiu dicindo: hai uns días fun visitar un alcalde dunha cidade importante. É un alcalde independente que chegou ó poder sen partido. Pero eu pensei que ti ías ver como gobernaba. Non, a min iso non me interesa. E que pensas do PXOM que está en periodo de alegacións? É un disparate, unha merda. E ti como o farías? Non penso neso.

Pobres e paupérrimos argumentos que amosa este representante público amigo de dar a nota para saír na prensa con cuestións de pouca monta. Pobre concello se cae nunhas mans populistas que só se amparan buscando a carencia e o defecto nimio e dicindo: “Aquí, tras de mí, en esta casa lo están robando, ciudadano”.

En fin, entendo que a política en todos os seus ámbitos está falta dunha dose de racionalidade. Tomen nota os partidos, e sobre todo de pedagoxía social, a que todos os grupos políticos renunciaron hai moito tempo. Por iso afirmo, con rotundidade, coidado coas solucións populistas. E remato ratificándome: que sabios son aqueles cidadáns que saben distinguir entre o grao e a palla! P populismo é a palla que pode causar un incendio social moi perxudicial para as sociedades que aloucadamente irreflexivas se suman a el. Coidado cos populismos, pois as consecuencias, tristemente, pagámolas todos.

Te puede interesar