Opinión

Como pasan os anos!

Como pasan os anos, como bulen os días, mentres sen decatarnos, imos tecendo a historia nun tempo onde case todo é relativo! Nestes días cúmprense 10 anos da chegada á política do chamado 15-M. Un decenio en política é un mundo, e nese tempo aconteceron moitas cousas. Tamén, nestes días, cúmplense seis anos dende a chegada á alcaldaía da cidade do sr. Vázquez, e tamén nestes días cúmplense dous das municipais que supuxeron a alcaldía para o mandamáis sr. Jácome ese persoeiro que prometeu arranxar todos os problemas da cidade nuns meses e sigue aferrado ó poder, ainda que 24 membros da corporación lle pediron que se fora. Estas datas sinalan un tempo para mirar cara atrás e, sen acaloramentos, visualizar os anos perdidos. Tamén para ollar cara onde imos e, na medida do posibel, intuir o futuro desta cidade e provincia caída en desgraza e por riba sen mar.

O 15-M chegou a Galicia e a nosa cidade cunha forza moi limitada; ainda así tivo un reflexo e un importante éxito electoral, pois obtivo unha representación importante nas Cortes do Estado, para logo irse desinflando e hoxe estár a piques de fenecer. Quedou demostrado que unha cousa é acadar os votos no momento de cabreo, e outra moi distinta fidelizalos. E para iso hai que ter unha boa infraestrutura partidaria e tamén saber facer unha síntese programática que fuxa de reivindicacións minoritarias e dun radicalismo testimonial que contente a todas as xentes desencantadas que lles deron o voto. E isto é realmente complicado, pois sempre acontece que, nestas forzas, os máis radicais son os que levan a voz cantante e axiña comenza o descolgue dos descontentos. No caso galego, non loitar por ter un grupo parlamentario propio, e andar en leas internas, entre outras cousas, foi o erro maior.

No tocante o acontecer municipal na nosa cidade, non aceptar o resultado das primarias foi unha cuestión que os levou ó fracaso e a desaparición da corporación. O feito de non validar o resultado que poñía a Xosé Mosquera como cabeza de lista, fixo que se perderan uns milleiros de votos que lle deron un escano máis ós populares. Escano que logo puxo na alcaldía a un señor feble e pouco político que, non soubo tecer alianzas e que tivo á cidade catro anos sen presupostos. Cabe sinalar que neste período, o belicoso e faltón Jácome ninguneou, afeou e machacou nos plenos canto quixo a Vázquez, sen que por parte da alcaldía houbera unha reacción sería e forte para frear os improperios do hoxe alcalde da cidade. Como conclusión, catro anos perdidos e os problemas dos ourensás esperando unha solución. Mais como a historia sigue, o voto do sr. Vázquez foi clave para que o vilipendiador Jácome accedera á cadeira municipal. Craso erro que convirte a Vázquez nun persoeiro sen ética, personalidade e sen futuro político.

E xa estamos ubicados no presente máis tristeiro e negro desta cidade. Hoxe, despois das denuncias dos colegas do pseudopartido Democracia Ourensana, malgoberna o concello un triunvirato. E non é que fagan pouco por mellorar a vida dos ourensáns, se non que en vez de facer, desfán. Son como un paquidermo nunha cacharrería. E con este panorama, ata cando durará esta outra pandemia que asola o Concello e desvaloriza esta provincia?

Como pasan os anos. Como deixan feridas e historias que os ourensás quixeramos esquecer e borrar do currículo desta Auria. Historias que tristemente quedarán fixadas na memoria de milleiros de galegos que ven como se esfarela un proxecto político, ou que atónitos ven que no Concello da terceira cidade galega segue un esperpento continuo ao que un PP caciquil non lle pon remedio. De pena.

Te puede interesar