Opinión

Un concerto con sensibilidade de muller

O concerto comezou coa apertura de “Cossi fan tutte”, de Mozart, peza que interpretaron coa elegancia e lixeireza musical que teñen as obras deste autor. Seguiu unha fantasía homenaxe a Schubert da compositora búlgara Dobrinka Tabakova. Música con aires moi actuais na que a sensibilidade musical flota no ambiente creando unha atmosfera chea de misterio que engancha e moito aos oíntes.

A obra desta moza compositora seguiulle un concerto para clarinete de Carl Maria von Weber, no que a solista castellonense Beatriz López amosou un grande dominio instrumental. Peza moi aplaudida, pois nela esta moza amosou as grandes dotes no fraseo e no dominio musical e da escena, na que, como anécdota, apareceu descalza.

Opi_27

                                                                                                                                                   José Paz

Despois dun pequeno receso o concerto rematou coa sinfonía quinta de Frank Schubert, peza na que a sensibilidade do autor se amosa con suma tenrura e forza. Partes sensibles e tenras mestúranse con outras rítmicas e fortes e amosaron a beleza dunha partitura que parece intemporal, pois supera o tempo e sigue viva transmitindo sentimentos de diversa índole que emocionan á xente.

O concerto estivo dirixido por unha muller, Delyana Lazarova, persoa xoven que, dende a primeira obra ata a derradeira, amosou o dominio da escena e unha sensibilidade xesticular que debuxaba os temas e incisos musicais cunha expresividade poucas veces vista. Como conclusión, foi este un concerto dos que deixan pegada na nosa cidade. Concerto con sensibilidade de muller, onde a música de calidade poucas veces aparece para o desfrute dos melómanos que en Ourense vivimos.

En fin, agora que na cidade das Burgas xa non podemos escoitar unha boa banda de música, poder ter unha tarde noite de ledicia musical de calidade é de agradecer. E esta foi unha velada para lembrar. Con todo, percibín unha pequena chata: os programas de man debían amosar as partes das pezas do concerto, así como unha pequena referencia aos compositores das obras, solista e directora, pois non creo que iso sexa un asunto de custe. Polo demais, afirmar que sería bo que estas sesións musicais se prodigaran con máis frecuencia en Ourense, pois hai un público que as demanda e precisa ser escoitado e, se pode ser, ampliado.

Te puede interesar