Opinión

Conversas de rúa

Aínda que sexa en pleno Entroido, escoitar as voces da xente que pasea pola rúa pode danos pistas de por onde van as cousas da política, neste caso local. E eso non todos os políticos o fan, pois algúns viven soamente escoitando ós seus e desa maneira perden o contacto coa cidadanía. Perden o fío coa xente que, o fin e o fallo, é a que vota e, coa súa papeleta, decide a cor e a persoa que lidera a súa comunidade ou concello. 

Neses paseos diarios, obrigados por prescripción, falo con bastante xente, e como é natural, nas conversas sempre aparece algo referido á política das distintas institucións. Política que, para ben ou para mal, desfrutamos ou sofremos todos. E como agora están preto as municipais, os dimes e diretes sobor do que pode acontecer nesta cidade están á orde do día. Compre afiar os sentidos e escoitar o que gusta e o que non. 

A día de hoxe, xa se di que se na lista de tal grupo irá aquela ou outra persoa. Tamén se di que as cousas en Ourense non van cambiar, pois fulano vai ter a chave do Pazo Provincial e eso condicionará todo o demais. Con todo, o certo é que dende que apareceu a última enquisa referida a Ourense, as alarmas para un sector moi importante desta sociedade puxéronse alerta. Non vaia ser que, despois de catro anos de paralise co sr. Vázquez e catro de despilfarro e circo co actual mandamais, todo siga igual e nos caigan outros catros anos como premio e os ourensáns sexamos o faime rir de Galicia e do resto do Estado. 

Mais, seguindo co tema das conversas informais na rúa, hai uns días, falando con xente que estivo no Concello e seica irá nas listas dunha determinada formación, afirmábanme con total rotundidade que polo menos tres desa lista nunca apoiarían, pasase o que pasase, ó actual alcalde. Os argumentos eran contundentes. E falaban de despilfarro, ilegalidades, bancarrota na institución, circo e insultos. E sobor de todo sinalaban a mala educación e unha ringleira de cousas que non vou contar. E claro, despois de escoitar a quen manda dende o Pazo Provincial deixando aberta a porta a posibles pactos en función dos resultados da cidade e da provincia, o asunto das municipais en Ourense ponse moi interesante e queda aberto a calquera sorpresa.

Os que durante a Transición pensabamos que coa chegada da democracia todo iba a funcionar mellor e que a xente desta cidade sería máis culta e elixiría para gobernar a persoas solventes, con ética, educación, saber estar e tamén con visión de futuro, véusenos enriba unha lousa de pedra ó vermos a realidade actual. O que acontece nos plenos non ten límites, e frear tal desatino xa é imposibel. Nçnesta cidade, de confirmarse o apoio de determinada forza política unipersoal para manter o Pazo Provincial, corremos o risco de ter unha patoloxía que nos levará cara a desfeita desta urbe e a non albiscar, por moitos anos, un futuro mellor. Esto debería facernos pensar e reflexionar, pois vai condicionar o futuro para as novas xeracións que viven alleas ó que acontece no Concello e camiñan enganadas e imbuídas no barullo da festa permanente. En fin, espero que as forzas políticas escoiten á xente que camiña pola rúa e atinen diante esta situación para frear a decadencia que vive esta cidade e por ende a provincia.

Te puede interesar