Opinión

Cousas da globalización

Que as persoas evolucionan e como consecuencia as sociedades tamén é algo indiscutible. Que as sociedades son diferentes e que cada unha ten os seus problemas específicos, ninguén o pode negar. Pero dende que o gran avance das comunicacións fixo da terra unha aldea única, a chamada globalización da economía é un feito que permite que as empresas deseñen nun lugar, fabriquen noutro e operen vendendo os seus produtos en calquer parte do planeta. Isto que, a primeira vista, ten moitas vantaxes, tamén plantexa grandes problemas. Nese mundo unido polas boas comunicacións, existen superestruturas mentais, tradicións, relixións, formas de vida, divisións sociais e lexislacións tan diversas que amosan a gran variedade de dereitos que teñen as persoas que viven neste mosaico que é o globo terráqueo. Con dereitos laborais tan distintos, e capacidade económica moi diversa, o aproveitamento destas debilidades polo capital trae como consecuencia moitos conflitos e desaxustes. A avaricia é inmensa, e non procura en dereitos, senon en oportunidades para acadar beneficios a costa do que sexa. E como o dito di: o capital non ten patria, por iso pasa o que pasa.

Poderíase dicir que a idea máis espallada polo mundo está baseada no liberalismo sen regulacións e na creación libre de empresas para facer obxectos de consumo e proporcionarllos ó mercado, tanto interno como externo. Pois ben, ó non existir, nada máis que na teoría, esa unidade mínima de dereitos laborais e sociais que abrangue a todo o planeta, a avaricia humana, sempre amparada polo fenómeno da competencia chamada libre, plantexa o que agora se coñece como a deslocalización. Porei un exemplo: hoxe xa empeza a ser moi normal que moitas corporacións, sobre todo europeas, deseñen e poñan as etiquetas na nosa terra, pero a fabricación faise nun pais do chamado terceiro mundo, onde os custos laborais son moi baratos, comparados cos nosos.

Esta é a realidade de moitas empresas, sobre todo as grandes, que medran desa maneira, e parece que son o exemplo a seguir neste momento. Hai uns días nos medios escritos unha gran multinacional do automóbil radicada nesta terra, propoñíalle ós empregados unha baixa importante de salario e a perda das pagas para poder competir con fábricas do mesmo grupo radicadas en países onde os salarios son a metade dos que se pagan aquí. A proposta parece unha chantaxe, pois cando se reciben axudas de organismos oficiais como a Xunta, nada se di de futuros recortes, logo aparecen estas sorpresas negativas.

A situación coa irrupción de países que actualmente teñen escasos custos laborais, crea unha competitividade difícil de contrarrestar, mentres non alcancen un nivel de desenvolvemento similar ó noso. Pero tamén sei que o afán de gañar cartos está levándonos a unha situación de perda de poder adquisitivo e de dereitos gañados con moito esforzo polas xeracións anteriores á nosa. Con todo, se as empresas seguen a deslocalizarse, por puro interés e afan de gañar cartos, e fan propostas de recortes tan brutais, a pregunta é evidente: quen lle vai mercar os produtos que fabrican se non temos poder adquisitivo? Pois Occidente segue a ser o maior mercado do automóbil e doutros produtos.

Difícil dilema para o que hoxe non hai resposta. Cabe empezar a pensar en iniciativas que apoien a aquelas empresas e grupos que se asentan na terra, e crean riqueza na mesma, e ós que opten pola deslocalización, deixalos de lado. Difícil, si, pero non imposible, non.

Te puede interesar