Opinión

A culpa sempre é dos outros


Un dito popular lembra: que a culpa sempre quedou solteira porque ninguén a quixo.

E, aínda que hoxe o de casarse está en horas baixas, o dito sigue vixente. 

Non sei si a oferta de pacto que lle fai o PP ós socialistas será unha fuxida cara adiante ou algo semellante. Pois, que a estas alturas o PP veña afirmando que está aberto a unha moción contra Jácome, cando puxeron moitos paus nas rodas pra que non se fixera, resulta, cando menos, chocante. Houbo un tempo pra facela que foi cando Jácome quedou con dous concelleiros no goberno. Ise era o momento. Agora o de andar enredando con propostas farisaicas, soio axuda a enlamar máis de merda todo o panorama político, e enganar a unha cidadanía xa de por si amorfa, sumisa e moi conformista que non soupo saír á rúa defender o bo nome do Concello e a cidade. Querer saír do burato no que se meteron co pacto pra manter a Deputación tamén é un obxectivo desta aireada e cabrona proposta. 

O que acontece na cidade das burgas é de chiste malo e enfermizo. O alcalde Jácome culpa ós do PP de perder a subvención de 3,5 millóns de euros para a praza de Abastos número 1. O concello no que vai de mandato sigue cos mismos problemas que arrastraba da anterior época. A lista é longa e neste tempo non se afrontou ningún. No que se refire ó mantemento do espazo e mobiliario público resulta ser vergoñento. Nada novo que presentar. Todo está que da noxo e nada se fai pra manter decentemente todo o que outras corporacións fixerom. 

 Mais como a culpa senpre foi dos outros, así estamos como estamos. Somos moitos ourensás os que xa nos aburre o que acontece na cidade das Burgas. Pois, un alcalde que di que aforrarlle cartos ó Concello non estará en Termatalia é un indicativo do valor que ten o termalismo para o cuarteto gobernante. E como non hai nada que presentar e a xente retrátase na piscina das burgas sen auga, o medo o ridiculo leva a tomar esta decisión de non ir. 

En fin, e agora que xa se percibe que o mandato foi un grande fracaso, os populares neste asunto queren fuxir da queima da que eles foron partícipes. Pois non hai un mes e medio afirmaban que Jácome sería mellor alcalde que Villarino e negaban a moción, e agora, de súpeto, parece que trocaron as cousas. E propoñen unha moción de censura con condicións que si se cumpliran perpetuaría no pòder provincial ó PP e o baltarismo. 

Que pasa nesta cidade pra que a ruleta dé tantas voltas e non camiñe cara o progreso? Que aconteceu pra que durante tres anos non se puidera quitar da cadeira de mando a un personaxe con un fondo moi escuro? Que pasou pra que agora, cando faltan uns oito meses pra que votemos, se fagan ofertas con condicións que coartan o futuro desta cidade e provincia? 

E non será que os dirixentes do PP precisan con urxencia lavar a súa imaxe e fuxir das responsabilidades de manter a un alcaldiño no poder. Un rexidor que non ten ética e que por riba escaralla todo o que toca. Por iso o do pacto cos socialistas sona a tratar de culpar ós demais do que eles permitiron e non souperon xestionar a tempo. En fin, facer barullo pra diluiren responsabilidades. Polo que o dito do comenzo ten moito valor. A culpa ninguén a quixo e sempre quedou solteira. 

Te puede interesar