Opinión

Culturetas de...

Sempre escoitei que, cando se sinala a un grupo social, profesión ou colectivo con ánimo de ridiculizalo, xeneralizar e incluír a todos baixo un mesmo nome resulta perigoso, pois nin todos os cregos, por poñer un exemplo, son malas persoas ou outros cualificativos, nin todos os políticos nin todos os xuíces son uns corruptos e malvados cidadáns. Ninguén debe ser menosprezado porque pertenza a un grupo ou porque algún cometa un delito. Xeneralizar con ánimo de desprestixiar é un erro que descualifica máis a quen o pon en práctica que a quen se quere ningunear.

Claro que pedirlle a un cencerro que afine cando canta é moito pedir. O certo é que cando un ascende, como lle aconteceu a don Celedonio, pasando de porco a marrau, véxase o libro de Vicente Risco “O porco de pé”, todo é posibel que aconteza.

Os gobernantes debían saber, como primeiro punto do seu cometido, que, ó exercer o mando nunha institución pública, os obxectivos non son outros que os de estar ó servizo dos cidadáns. O Concello non é unha empresa particular onde se goberna ó antoxo do xefe, e onde os seus mandados fan o que se lles di sen protestar. A vida nas institucións públicas ten unha dinámica distinta; ten controis e normas que deben ser respectadas.

Un amigo de militancia de hai anos, ó preguntarlle polo que facía o alcalde da súa vila, respostoume o seguinte: “O alcalde do meu concello non fai nada, pero non derrama”. A resposta ten o seu aquel, pois en Ourense houbo alcaldes que fixeron moi pouco ou, se o prefiren, nada de nada, máis tampouco derramaron nin esnaquizaron o pouco que había. Pasaron con máis pena que gloria, e hoxe ninguén se lembra deles. Mais no caso da nosa cidade, coa aquiescencia do mandamais que se agocha na Deputación, o que temos non fai, pero escaralla o pouco que hai feito. E enriba, ningunea menospreza e, de cando en vez, insulta. “Culturetas de extrema esquerda”, dixo que son ós que traballan nas asociacións culturais nos barrios e nas parroquias onde o Concello nin está nin se lle espera; onde pasan os anos e nin se visita o lugar para preguntar cales son as carencias culturais e de todo tipo que hai que arranxar; onde se traballa por defender as tradicións e a cultura que non é a estándar que pulula en moitos medios e quere afogar a nosa forma de vida para uniformarnos a todos como masa impersoal e maleable. Que tristeiro é que un alcalde diga: “O que queira cultura que a pague”, mentres enche o Concello de liberados inútiles. A que chegamos en Ourense? A ver o alcalde de todos como insulta aos colectivos que traballan de maneira altruista sen ningunha axuda institucional? Nunca, no maxín de milleiros de ourensáns, se chegou a entender que gobernaría nesta cidade unha persoa similar a don Celedonio, o persoeiro do libro de Risco. Nunca pensamos que Ourense tería, como dixo o sr. Feijoo, unha persoa letal na cadeira de mando desta cidade.

Mais que ninguén se engane: o silencio de quen se agocha baixo desculpas baratas non ten perdón. O silencio de quen move os fíos para que isto siga apodrecendo ten nome e chámase presidente dos populares desta provincia ida a menos. En fin, xeralizar coa idea de desprestixiar e difamar, cando o fai un cargo público, afea e moito a vida de todos os ourensás. De pena.

Te puede interesar