Opinión

Da oposición destrutiva, a goberno de ocurrencias

Opinión

Da oposición destrutiva, a goberno de ocurrencias

Dende a chegada da democracia ós concellos, en Ourense cidade, estamos a vivir unha época que pasará a historia local como un tempo gris e escuro de triste lembranza. Sempre entendín que a oposición nos gobernos democráticos é necesaria. E precísase ben pra criticar o que se fai mal, ben para facer propostas razoadas e argumentadas, e tamén para entender como funciona a administración e con elo estar preparado por se hai que gobernar.

Nestes últimos oito anos, algún grupo político non entendeu esta maneira de actuar e, durante ise tempo, fixo unha oposición a cara de can, pois todo o que se facía estaba moi mal. E pra elo empregou argumentos vacuos e moita pantomima, ou se o prefiren, moito espectáculo titiriteiro. Incluso no argumentario populista sementouse desconfianza e mesmo incerteza sobre servizos que funcionaban medianamente ben. Tamén o fixo sobre os funcionarios. Criticou o exceso de gasto, sobor de todo en persoal. E deste xeito foi sementando unha dúbida que podería resumirse en que, no Consistorio, todo era desfalco, despilfarro e roubo.

Logo, coa intención de chegar ao poder, viñeron as promesas, iso si, todas moi diversas. Pero a que máis chamou a atención foi a de afirmar que en tres meses todo ía a funcionar ben. Todas as deficiencias serían corrixidas e como conclusión todos seríamos máis felices. A tele, esa que andaba a buscar buracos nas rúas, deixou de visitar os barrios, e agora pasou a amosarnos plenos e máis plenos onde todo parece un espectáculo, ás veces moi pouco edificante.

E seguindo a liña das promesas houbo unha que chamou a atención. Refírome a de crear unha orquestra-banda cos alumnos do Conservatorio. Orquestra que ía ser moi barata e tería unha xeira de virtudes. Mais os días pasan e nada de nada, e agora recoñecen que non se pode facer tal orquestra, pois hai unha serie de cuestións legais que o impiden. E claro, a pregunta que moitos lle facemos ós que agora gobernan está cantada. Acaso non sabían que desfacer era moi sinxelo e facer moi complicado? Lembran os ourensáns a campaña contra a Banda de Música? Lembran quen a fixo? 

Por iso, ser oposición é algo máis que falar de que todo está mal. Tamén gobernar é outra cousa que supera o ter que anunciar ocurrencias diarias. Non quixeron enterarse de como funcionaba o Concello e os seus servizos. E agora quéixanse. Prometeron facer escaleiras pra todos os desniveis que hai na cidade. Tamén un parque acuático eiquí ou alá, ou non se sabe onde. Logo anuncian unha torre de 80 pisos e despois que van lixar as beirarrúas pra evitar resbalóns e caídas. Pero o certo é que todo sigue esnaquizado neste concello. Tristeira imaxe damos en Ourense. Catro anos perdidos co sr. Vázquez e catro anos máis pra dar a nota nuns plenos que semellan a un recanto teatreiro. Que sinxelo era criticar, desprestixiar e andar polas rúas buscando defectos! E agora: silencio que gobernamos nós. Pois señores, todo está igual ou peor que cando vostedes o denunciaban.

En fin, as promesas, igual ca ética, en Ourense levounas o vento. A coherencia marchou polo sumidoiro. E a credibilidade do goberno está en cuestión. Como tamén o está a de quen aupou a este alcalde ó poder.