Opinión

Da relixiosidade ó turismo

Dende moi antigo, a maneira de vivir dos humanos foise modelando e adaptándose non só nas cuestión referidas ós avances técnicos, senon que tamén mudou á forma de pensar e de vivir a espiritualidade. No mundo sempre houbo unha máxima que funcionou e que cada dia é máis evidente: toda actividade humana, sexa a que sexa, sempre está marcada polo feito de se é rendible ou non. Mellor: se xera movementos económicos e riqueza, ou non. A economía, pequena ou grande ou, se se quere, de subsistencia, sempre estivo ligada a toda actividade humana, e tamén a das festas de orixe relixiosa.

Esto que afirmo dase na chamada Semana Santa. Se comparamos como se celebraba hai 50 anos, decatarémonos que a evolución máis importante mudou cara a práctica do turismo e o movemento económico que a día de hoxe xera. E aínda que na interpretación da relixiosidade hai de todo, hoxe máis ca nunca existe unha compoñente de folclorismo escénico, nalgúns casos moi esaxerado, que se amosa nestas festas e atrae a moita xente. Ademais, axuda a que estas datas sexan máis importantes pola economía que xeran que polo feito relixioso que as orixinou.

A Semana Santa de hoxe non é comparable coa dos anos sesenta e incluso setenta. Daquela, a relixiosidade case era forzada e a participación nos actos relixiosos era moito maior que na actualidade. A música clásica era a única que difundían as emisoras; non había espectáculos e as igrexas estaban ateigados de xente. As cousas mudaron e, na actualidade, eses días son maiormente empregados para viaxar, facer turismo ou ir ver as procesións para desfrutar do espectáculo. Mais, a relixiosidade decaeu. 

A día de hoxe, esta festa relixiosa deu pé a uns días para o lecer; polo que viaxar e coñecer lugares distintos ós habituais é un dos obxectivos. Tamén facer camiñatas e mesturarse coa natureza e un sinfín de cousas máis. A nosa sociedade mudou e moito. E moi pouco do que hoxe acontece se pode comparar co que existiu no pasado. Un dito popular afirma que na vida hai que andar cos tempos. E os tempos son moi distintos ós do século XX. A humanidade actual presenta moitísimas interrogantes para os humanos, e a relixiosidade non é capaz de darlle resposta a moitos dos problemas actuais, e diante esa situación, perde utilidade e seguidores. Esa é unha das razóns polas que moita xente estase arredando cada día máis dunha espiritualidade que antes era fundamental para vivir.

Os tempos son moi distintos, e con eles a forma de interpretar o mundo. Hoxe maiormente a xente quere vivir o presente, pois o futuro percíbeo como difuso, inseguro e moi complexo. A relatividade pasou a ser algo máis ca unha resposta a moitos problemas actuais. 

En fin, como dicía Machado e cantaba Serrat: “Todo pasa, todo queda, pero lo nuestro es pasar, pasar haciendo caminos, caminos sobre la mar”. Os camiños sobor do mar esfúmanse e bórranse, e as promesas de eternidade esváense. A Semana Santa, pasou de ser soamente relixiosidade a ser un tempo de lecer, e sobor de todo, de turismo de desfrute. Pasou a ser unha fonte importante para a economía. E cando eso acontece, os guías espirituais, se pretenden recuperar espazo, só lles queda un camiño: mover ficha e adaptarse ós tempos.

Te puede interesar