Opinión

Dende o confinamento

Opinión

Dende o confinamento

Rachar coa rutina diaria sempre foi algo interesante, mais facelo por estarmos sometidos a un confinamento ou peche dentro nas nosas vivendas, esnaquiza todas as previsións que tiñamos para esta primavera e tamén para o verán. Con todo, sendo consciente de que estas normas son precisas, non queda outra que aceptalas. A situación que vivimos obríganos a unha reflexión sobor da nosa forma de vida e da fraxilidade que temos como seres humanos nesta sociedade.

Erguerse á mañá, abrir a fiestra e non ver ningún movemento no teu entorno, nin escoitar o saúdo dos veciños que pasan pola rúa ós distintos quefaceres, nin escoitar a campá que chama ós actos relixiosos é indicativo de que algo malo está a acontecer no mundo. Logo, comezar a xornada engulindo as novas da radio a xeito de parte diario, pra logo escoitar o número de infectados e mortos pola pandemia, aviva a sensación de estarmos nun lugar onde non hai vida e onde pasa o tempo con certo temor. 

Mais desta situación inimaxinabel días atrás; diante este imprevisto que nos tocou vivir, deberiamos aceptar que neste mundo globalizado todos dependemos de todos, e que a nosa sociedade é moi fraxil. Calquer tema sanitario que chegue a ter a calificación de pandemia, pode ferir duramente a forma de vida, a economía do país e tamén a nosa existencia.

Mais como de toda calamidade hai que quitar algunha cousa positiva, poñámonos a cavilar e reflexionemos. O primeiro que podemos ter en conta nesta sociedade, na que sempre prima o individualismo, é a necesidade de ser solidarios e actuar como un conxunto de cidadáns que precisan uns de outros. As condutas individualistas e insolidarias nun caso como o de agora, non axudan. Hoxe, a ciencia e todos os que traballan nela loitan pra que podamos sobrevivir a esta pandemia. Outros traballan pra que teñamos os bens precisos pra ir tirando pechados na casa. Hoxe temos que valorar e moito ó persoal sanitario, e nesa valoración temos que incluír a esas profesións chamadas menores pero que son tan precisas como a do panadeiro, a persoa que despacha no súper, o condutor de bus, o farmacéutico, e poderiamos seguir citando moitas máis.

O segundo é matinar sobor do modelo de vida que levamos. Vivimos o presente sen decatarnos de que calquer acontecemento deste tipo condiciona a nosa existencia. Pensamos que estes asuntos somentes acontecen en países pouco desenvoltos. Mais, agora que temos o mal dentro, decatámonos que non é así, pois temos moitas máis debilidades e carencias do que parecía. 

O terceiro tema é o asunto da economía e a conservación do medio. Hoxe dependemos uns dos outros e uns países tamén dos outros, tanto na economía como na conservación do medio natural. Por iso ó parar a roda de dar voltas a vida desfaise como se fose un castelo de naipes. En fin, a incerteza invade as nosas vidas e supoño que desta crise global deberíamos quitar conclusións moi importantes. Deberíamos aprender que non somos tan fortes como nos pensabamos. Temos que valorar e defender os servizos públicos que mantemos todos cos nosos impostos. Tamén debemos saber que a vida de eiquí en adiante será diferente. Pois as crises xa non virán polos métodos tradicionais. Incluso os conflitos bélicos xa non se farán da maneira tradicional coas armas coñecidas. No mundo, a partires desta data, ábrese un novo tempo: o das pandemias. E estas ate poden ser provocadas por interese inconfesabeis.

Hoxe no mundo atopámonos diante un fenómeno que ninguén esperaba. Aprendamos dos erros e reflexionemos sobor o modelo de vida que temos, claro, pra corrixir aquelo que se poda, e estar máis seguros diante situacións futuras como a presente.