Opinión

Días de lembranzas de fútbol

O sábado pasado, no campo do Carqueixal, foi un día que para os máis maiores estivo cargado de lembranzas, e para os máis mozos, de ilusión e futuro. A tarde era moi axeitada para a práctica do deporte, e nas instalacións deportivas que hoxe son propiedade dos Comuneiros de Seixalbo, despois de 29 anos de ausencia reapareceu o Clube Deportivo Seixalbo, equipo que durante moitos anos tivera, entre finais dos sesenta ate a metade dos oitenta do século pasado, unha destacada participación no fútbol modesto da provincia.

Nas gradas do campo, moitos veciños, ex directivos e ex xogadores, ademais de visitantes lembraban tempos pasados e o esforzo que fixeran xentes que hoxe non están con nós. Prestacións económicas e traballos comunitarios foron habituais para mellorar unhas instalacións deportivas e un equipo que competía na liga de modestos daqueles anos. Moitas foron as tardes de música e deporte antes de ir de troula no Carqueixal.

Tamén foi esta unha tarde de recordos, de imaxes gardadas na retina da infancia, cando con rudimentarios medios, nos anos cincuenta e principios dos sesenta, de case adolescentes, xogábamos no areal do comunal con porterías feitas con piñeiros e sen redes e logo camiñabamos a bañarnos no Barbaña. Lembro tamén que, en anos posteriores, sendo pedáneo de Seixalbo Lino Cid Gutiérrez, coa axuda do Concello ampliouse o campo que posteriormente foi pechado cun muro de bloque polo impulso dos directivos do clube, case todos veciños do lugar.

Agora, pasados moitos anos, un grupo de mozos volve a retomar un clube con mellores instalacións que daquela, coa boa intención de poñelo a camiñar no eido deportivo provincial. Atrás quedan outros intentos de achegar o deporte ós máis novos como fora a escola deportiva iniciada na Asociación San Breixo con Maxi Cid á fronte, ala polos anos 90. En fin, cantas historias vellas quedan atrás e que tiveron de testemuña ó mítico Carqueixal.

Ábrese dende agora unha nova etapa que precisa do apoio de todos os seixalbeses, para que o nome da que foi Vila e Couto noutrora tamén teña voz e se escoite nos comentarios provinciais do deporte rei. A vida dá moitas voltas, e o equipo dos pementeiros volve reaparecer. Sorte, moita sorte nesta nova andaina.

Te puede interesar