Opinión

Dúas cuestións positivas

Derrubar muros e fronteiras artificiais, rematar cos tópicos e ditos que parecen verdades e non o son, sempre resulta interesante e positivo. As sociedades avanzan cando as ideoloxías deixan de seren monopolio interpretado por uns poucos e ábrense ó común para o mellor entendemento das persoas.
Pois ben, nesta semana pasada dúas novas chamáronme a atención, dúas cuestións que están preto da realidade e que parece toman, ou polo menos apuntan, cara un camiño axeitado. A primeira está relacionada coa decisión da Xunta de abrirse ó coñecemento do idioma portugués na nosa terra. Cuestión esta que me parece acertada, pois tanto o galego como o portugués son idiomas irmáns que deben ser coñecidos en base a dúas cuestións que considero importantes. A primeira é de veciñanza idiomática e de proximidade xeográfica, que leva aparellada consigo a posibilidade de relacións económicas. A segunda, porque ábrenos portas ó mundo luso que son moitos millóns de falantes. Posiblemente haxa algúns problemas por teren galego e portugués, a día de hoxe, unha grafía diferente, co que pode crearse no seu inicio algunha confusión, pero en xeral, penso que todo son vantaxes. Claro que, sempre dependerá de como se afronte o tema, e si se impartirá galego é portugués conxuntamente ou non. En fin, esperemos para avaliar a cuestión.


A segunda nova está relacionada coa proposta de entender Galicia e reivindicar a solución dos problemas que hoxe ten. Evidentemente estoume a referir ó nacemento da plataforma cívica Somos Nós, presentada en sociedade o domingo 22 do mes que andamos. Nace este movemento social co obxectivo de unir a todas as persoas que se identifiquen con esta terra como punto de destino común, sen facer distincións entre ideoloxías e idiomas. Soamente se necesita sumarse á idea de identidade para defender os intereses colectivos desta terra por riba doutras cuestións. Como dixeron os seus promotores, Somos Nós non é un partido político nin pretende ocupar o espazo electoral de ninguén, é un sentimento de fondo que pretende unir, discutir e valorar iniciativas e propostas e sobre todo erguer a auto estima de ser galego e defender esta terra e a súa cultura, para camiñar cara un futuro de esperanza e mellor para todos os que vivimos nela.
Fronte ós que pensan que neste momento a sociedade galega está resignada e paralizada polos grandes problemas que ten, que renaza a esperanza para ter un futuro mellor, sen ataduras dogmáticas e ideolóxicas pechadas, é un motivo de ledicia e de optimismo.
En fin, que no medio dun tempo de recortes e estreiteces, de globalización cultural e económica, de imposicións do libre mercado e das grandes compañías multinacionais, aparezan movementos cívicos que reclaman o protagonismo das persoas e das comunidades anuncia, polo menos así o entendo, que á sociedade non perdeu a sensibilidade, pois é capaz de xerar gromos que nacen con forza e indican que algo novo ven con ampla visión e miras á longo prazo. Indican que aínda hai esperanza, e que non todo o que acontece é negativo.

Te puede interesar