Opinión

E Ourense, existe?

Hai uns días, o presidente da Asociación de Seixalbo publicaba un artigo falando da cidade e a provincia e afirmaba que daba a sensación de que cada día que pasa volvíamos ao Medievo. Ou sexa, que o retroceso en Ourense é tan evidente que camiñamos cara atrás no canto de ir para mellor. Escoito nos medios informativos que o sr. Feijoo, presidente da Xunta, convida a todas as administracións e forzas políticas a facer un acordo para salvar Ferrol e a súa comarca, pois, segundo dixo, nestes últimos 40 anos perdeu trinta mil habitantes. O nome escollido seica é “Ferrol tamén existe”, o que ven a ser algo semellante o que xa se fixo noutra provincia do Estado. E un comenza a pensar e a darlle voltas a cachola, e conclúe: pero se na nosa cidade e provincia, ou sexa Ourense, dende a chegada da democracia perdéronse 80.000 habitantes. Si, oitenta mil, que son moitos. Somos a provincia galega máis castigada coa emigración a outras partes do Estado e fora del. E polo que se ve, nin o señor provincial, o que marca a liña a seguir no pretendido feudo, nin o sr. Feijoo e todos os demais que gobernan se enteran desta situación.

Ourense perde empresas, pechan pequenos e medianos comercios e nada novo no eido empresarial anima a frear este deterioro permanente. Ademais do dito, carecemos de líderes políticos que poidan revertir esta situación e levar a provincia a bon porto. Isto augúranos un futuro escuro e tristeiro para estas terras do interior. E se as carencias provinciais lle sumamos que na cidade, principal motor e espello para o resto do feudo, todo camiña de mal en peor e está no máis escuro desleixo, sabemos que vaise cumprir o que dixo o presidente da Xunta referíndose á cidade: “Jácome será letal para Ourense”.

Vivimos un tempo de decadencia no que, nesta cidade e provincia, os cidadáns asumiron a derrota como se fose unha maldición da que eles nada fan para saír. Outra pandemia máis contra a que nada podemos facer. E non debera ser así. Se hai tempo que como provincia renunciamos a pintar algo dentro do panorama político galego, penso que haberá que reflexionar e rebelarse contra deses meigallos que nos pretenden afogar. Do contrario, seremos unha terra doente semellante a aquel enfermo que vive esperando a morte asistida e confórmase con ter coidados paliativos.

No centenario da Xeración Nós estamos nunha encrucillada na que a falla de rebeldía e de certo orgullo está a cronificar unha situación que nos afoga. E aínda que vemos como todos os índices sociais desta provincia, día a día, van a peor, non se percibe ningunha reacción por parte dos gobernantes nin dos entes que conforman o tecido social da provincia.

A pregunta está cantada: e Ourense existe?, ten vida de seu?, aspiramos a algo os ourensáns para mellorar o futuro dos nosos fillos e netos? A terceira cidade galega, por número de habitantes, morre lentamente, e ninguén parece enterarse. Amigo Carba camiñamos , como ti dis, cara o Medievo. De pena.

Te puede interesar