Opinión

Empresas apegadas á terra

Mentres a globalización económica e cultural, que despersonaliza e elimina as peculiaridades dos pobos e das súas xentes, sexa asumida como un feito indiscutible e, polo tanto, aceptada como o que toca neste momento; mentres soamente vexamos o inmediato, sen sermos minimamente críticos cos seus efectos, pouco avanzaremos no económico, pois seremos exclusivamente consumidores do que outros nos vendan. Por iso hoxe con máis insistencia temos que ter autoestima do noso, valoralo e potencialo empregando todos os recursos que o identifiquen con marca propia, e nese caso a lingua é un factor determinante.

Un bo exemplo do bo facer no eido empresarial estase a dar no mundo do viño. Sector que, dende hai un tempo, optou pola calidade e pola etiquetaxe en galego, que é o idioma materno do lugar onde se cultiva, para abrirse paso no mundo, mantendo sempre a súa personalidade de orixe ben definida.

Hai uns días foron faiados os premios “Bacelos de Prata” na súa décima edición. Estas distincións foron instituídas pola Asociación Alvaro das Casas xuntamente coa colaboración do Foro Enrique Peinador, no que se xuntan as empresas que optaron por potenciar a nosa lingua e a economía galega. Nesta ocasión, as distincións dos viños recaeron nas adegas Terra de Asorei das Rías Baixas e na adega Arco da Vella, de Benito e Eladio Rodríguez Fernández, de Beade. Pero o máis salientable, ademais do reseñado como a etiquetaxe no idioma de Rosalía e a calidade do produto, está ó meu ver no número de participantes. Segundo o coordinador da Irmandade galega de Adegueiros, Xosé Carballido Presas, a cantidade de participantes medra de forma significativa de ano en ano, pois na primeira edición, hai dez anos, soamente había seis botellas para a distinción, e nesta edición presentáronse 250 marcas e 190 adegas que decidiron que os seus viños sexan identificados nas etiquetas co idioma e coa terra que os viu nacer, facendo unha maridaxe que axuda a medrar a economía da zona e con elo a fixar poboación no noso rural hoxe tan castigado pola despoboamento e o envellecemento das súas xentes.

Todo un exemplo a seguir para os emprendedores e creadores de riqueza e para a economía desta terra. Todo un camiño que andar para revalorizar as nosas comarcas; para potenciar o noso sector primario; para non perder as raíces e identidade coa terra que os viu nacer. Todo un reto que hai que potenciar noutros sectores industriais de Galicia.

Cos tempos que corren, ou nos decatamos de que soamente camiñaremos cara adiante cando empecemos por ter autoestima do propio ou pola calidade do que producimos, ou do contrario, soamente seremos consumidores de produtos que outros fagan e dos prezos que nos impoñan. O camiño é longo pero xa está encetado. Noraboa para as adegas premiadas. Noraboa para as iniciativas como esta, pois son un recoñecemento público para estas asociacións que poñen en marcha campañas que son tan positivas para a economía e a sociedade; que amosan o dinamismo das nosas xentes e de sectores que viven e traballan ó marxe dunhas institucións como as deputacións e a Xunta que viven un tanto alonxadas da realidade desta terra, e sobre todo do sector primario, clave para a economía do pais.

Te puede interesar