Opinión

Esaxeracións verbais

Cada un é responsabel do que di. E a isto temos que engadirlle que, o que esaxera, faino case sempre por interese propio ou por comenencia. Hai uns días, o noso atrevido e imprevisibel alcalde dixo que os bolardos asasinos deixaban de funcionar. O que ven a significar que gracias a súa gran decisión xa non haberá máis mortes nin accidentes por ter estes artiluxios funcionando na entrada das rúas do Casco Vello ourensán. Tal esaxeración e manipulación da linguaxe lévame a pensar que o significado das verbas induce dunha maneira moi interesada, a que os cidadáns cheguen a aceptar que unha palabra que significaba unha cousa moi concreta (bolardos) poida ter distintas acepcións que desvirtúan o seu contido inicial. 

Por exemplo: actualmente mestúrase con moita frecuencia a verba cultura, e faise engadíndolle algún adxectivo. Isto, nalgúns casos, axuda a despoxala ou devaluar o seu significado orixinal. A verba cultura sempre se interpretou como unha cualidade relacionada co saber, co valorar actividades humanas e, sobor de todo, coa sensibilidade artística e creativa; aínda que hai moitas máis acepcións. Mais o engadirlle un adxectivo, comenza o camiño pra desviala do seu contido orixinal. Porei un exemplo: ter unha boa cultura é un incentivo que ate agora era un plus para que unha persoa fora ben considera socialmente. Mais ó introducir matices ou adxectivos podemos escoitar: fulano leva consigo a cultura do botellón. Entón a cousa troca totalmente de sentido. Pois a verba cultura aparece vencellada a algo negativo: andar de botellón, bébedo ou de borracheira.

Isto é o que esta a acontecer con moita frecuencia e implica a adulteración da linguaxe. E iso faise coa intención de chamar a atención ou sobresaír, pero sen medir as consecuencias que se derivan delo. Atribuirlle a unha peza mecánica como son os bolardos o adxectivo de “asasinos”, quere amosar que, no fondo, o que se fixo foi algo moi importante e preténdese que así se valore polos cidadáns. Mais todos sabemos que os mentados bolardos nunca asasinaron a ninguén, tamén que tal decisión non vai trocar nin mellorar a vida do Casco Vello.

Os bolardos si causaron averías nos vehículos. Mais maiormente foi por erros dos condutores. Pero a calificación que lle deu o imprevisibel, deslenguado e obsesivo primeiro edil, levouno a xustificar a súa acción engadíndolle o adxectivo de asasinos. Polo que parece que o sr. Jácome liberounos de sufrirmos moitos asasinatos, e non é así. 

Agora o seu servizo seica o farán unhas cámaras de control que nos vixiarán. E que veremos si se poñen, pois poden ir contra a liberdade dos cidadáns, dado que gravarán non so ós coches que pasan se non a todo o que se mova na entrada desas rúas. 

En fin, as esaxeracións e a incontinencia verbal do que busca ser noticia a costa do que sexa, fanlle un fraco favor á cidadanía. As verbas que tiñan un obxectivo concreto e sinalaban unha cualidade ben identificada dáselle unha reviravolta pra xustificar unha acción que soamente é un fogo de artificio. Pois asasino é quen mata. E nada máis. Mais, que ninguén o esqueza: estas esaxeracións usadas por comenencia, oportunismo ou soamente pra darse certa pompa, como é o caso, desvirtúan a linguaxe e axudan a confundilo case todo. E, empregando un termo deportivo, só enlaman o terreo de xogo comunicativo nun concello onde o nivel dialéctico do que o preside empeza a dar noxo pois día si e día tamén esta institución camiña cara unha degradación que arrepía a milleiros de ourensáns. E polo que parece, ninguén ten a sensibilidade de pórlle remedio.

Te puede interesar