Opinión

A estandarización da cultura

A globalización nas comunicacións e na economía que abrangue a toda a chamada aldea do planeta Terra é o fenómeno máis importante do noso tempo. Este feito inflúe nas nosas vidas de maneira directa e, de maneira constante, vainos convertendo en masa uniforme que se move e se manipula ó antollo dos que controlan os fíos da comunicación e da economía. A día de hoxe, se tosen ou collen unha catarreira nos EEUU, axiña nos afecta. De feito, a crise do 2008 iniciouse nese país americano coa caída do famoso banco Lehman Brothers.

Esto que digo tamén acontece no eido cultural e no dos costumes. Todo o que ven dese lugar que aparece como modelo pra vivir, ollámolo con certa admiración e axiña copiamos e facemos nosos costumes que pouco ou nada nos din, pero que están cada día entrando nas nosas vidas; costumes que como papanatas aceptamos. Os feitos culturais dos pobos e cidades pasan a ser esquecidos, e fano seguindo o mandato da estandarización cultural que persigue crear masa maleable. Masa como se fose plastilina, pra movela ao antollo dos que controlan os fíos do poder mundial. Os concellos e outras entidades que teñen a obriga de potenciar a cultura, borran dos programas as poucas forzas e iniciativas que defenden, o que se fai nas cidades e vilas que teñen unha personalidade propia. E todo pra meternos polos ollos, a través dos medios e cadeas televisivas, a chamada cultura de masas. Cultura que marxina e despreza o propio e que paso a paso vai impondo costumes alleas as nosas formas de vida.

OURENSE 19/10/2021.- Ilustraciones sobre libros. José Paz

                                                                                                                                                 José Paz

Sempre se di que a nosa cidade, Ourense, foi noutro tempo un faro cultural importante dentro de Galicia. Nela, sen perder o obxectivo que sempre ollou cara un europeísmo, houbo xente que animou a fomentar as nosas festas, a nosa forma de vida e, sobor de todo, camiñar cara unha modernidade que non implicara renunciar aos nosos costumes e formas de ver o mundo.

Agora que estamos no outono e que a festa importada das cabazas e dos disfraces sen sentido é asumida polos máis novos, sería un bo momento pra pensar se queremos ser unha cidade con personalidade, cidade que camiña mantendo as nosas festas, como se fai noutros lugares do noso arredor sen renunciar a coller o mellor do que chega doutros lugares. Ben sei que o momento non é o mellor, pois o camiño está cheo de silvas e atrancos.

Pero como vivimos nun tempo no que, ou tentas ser algo, ou quedas pra asumir o que che mandan, non queda outra que mover ficha. A cultura de masas pretende homoxeneizar e despersonalizar ós grupos humanos, e pra eso non fan falla consellerías nin concellerías de Cultura, pois chega coas axencias de contratación de espectáculos. En fin, non é preciso estar contra a modernidade, mais afirmo que Ourense pasa por un momento crítico tamén no eido cultural. Non chega con camiñar mal no social senon que tamén moi mal no eido da cultura. No concello están a gobernar persoas que, ademais de descoñecer o pasado desta Auria, carecen de sensibilidade e interese pra iniciar un camiño que hoxe nos leva á estandarización cultural; un camiño que pretende borrarnos do mapa como galegos e como ourensáns. Por iso, se a cultura de base non se apoia, axiña deixaremos de existir como cidade e provincia. Reflexionemos, pois o obxectivo merece a pena. Chegou o momento de lanzar un SOS á cidadanía para que axude a que Ourense recupere a necesaria vida cultural e teña un espazo digno como se merece dentro das cidades galegas.

Te puede interesar