Opinión

Fagámonos respetar!

Periodicamente aparecen declaracións de persoeiros públicos que, aínda que logo piden desculpas, empregan adxectivos negativos e insultantes referíndose a todos ós galegos. Esta cuestión amosa a alta estima que moitos representantes políticos nos teñen, e sae á luz cando fala o sentimento con sinceridade, sen ser controlado pola racionalidade que indica aquelo que non debemos dicir.

O último destes adxectivos lanzouno un tal Jorge Castrillón, que seica representa a Podemos no Uruguay, quen nos calificou como “brutos e incultos”. Pero non hai moito tempo tamén o fixo Rosa Díez, referíndose a Zapatero, o expresidente, dicíndolle: “Actúa como un gallego en el sentido peyorativo del término”. Algo semellante tamén vociferou o cineasta Pedro Almodóvar, que tamén deixou unha das súa lindezas referíndose ós estafados polas preferentes: “Si fuera una persona inculta como un gallego”. Como se na súa terra non houbera estafados nas preferentes, no Forum Filatélico, nas accións de Bankia, etc. E así poderíamos seguir coa lista, pois hai moitos máis casos para ilustrar este comentario.

O certo é que esta forma de actuar amosa que en bastantes lugares desta España de pandeireta e sacristía que mencionaba Machado, para insultar a alguén emprégase lixeiramente o término “gallego”, o que parece xa unha maldición divina, que resulta humillante, negativa e de moi mal gusto.

Pois ben, cando escoitei que o representante de Podemos, grupo político novo que seica quere rachar con moitas cousas do pasado e coas formas de actuar dos que eles chaman “casta”, lembreime do “Fagámonos respetar”, eslogan que Coalición Galega empregara con tanto éxito no ano, creo, de 1986, cando quitara nove deputados para o Parlamento galego. E pensei que algo semellante a aquelo, politicamente falando, faría moita falta hoxe, pois os galegos temos moitos defectos, pero nin somos máis listos nin máis parvos cás demais xentes que viven no Estado e se se quere no planeta. Necesitamos facernos respetar non só no eido verbal, senon nas formas, no espazo cultural, no económico, etc, que son as que nos dan a razón da nosa forma de ser e de ver o mundo. Pero, tristemente, todo iso pasa pola política e polo querer ser e existir con dignidade. 

Ben sei que hai ditos que caen sobre un pobo e que costa moito desfacerse deles. Lembro que, refollando un dicionario do século XIX, busquei o término “gallego”, e non nos poñía nada ben, pois empregaba para cualificarnos termos como “desconfiado, tacaño y uraño”. Claro, esa era a visión deformada que dende o centro se quería dar daquela de nós. E como o que aparecía nos libros parece que, ate hai uns anos, era verdade absoluta, deixou un run run na xente que aínda hoxe levamos ás costas, como se fora un sambenito.

Por iso, no século XXI aínda é necesario volver lembrar que, para que nos respeten, temos que facernos respetar. Temos que derrubar ditos e adxectivos que nos queren ridiculizar e aminorarnos fronte a outros que nin son mellores nin peores que nós. Nesta terra, as xentes son traballadoras e creativas, e aman e conservan as súas formas de vida e as herdanzas positivas. Tópicos sempre os houbo, pero non deben ser insultos que ridiculizan ós habitantes dunha comunidade, pois estase ridiculizando ás persoas.

Esperemos que estas cousas non volvan pasar pero, con todo, apelo ó eslogan inicial: para que non aconteza o menoscabo, “Fagámonos respetar” como pobo e mellor nos irá no colectivo e no persoal.
 

Te puede interesar