Opinión

As festas e a cultura

Todas as palabras poden ser manipuladas ó antoxo e segundo a comenencia de quen as empregue. Toda actividade humana, e a cultural tamén, está supeditada a diversas interpretacións e incluso clasificacións. E na actualidade falar de cultura é tanto como mesturar moitos eventos que, máis que cultura, son festas lúdicas onde soamente se busca o divertimento sen outro obxectivo. 

Se a cultura esta relacionada co saber, co aumentar coñecementos, co ver as cousas dende diversos puntos de vista, co reflexionar e coñecer o que esta agochado, coa ciencia, para facer dos humanos persoas con capacidade propia para discernir as cousas boas das malas, o grao da palla, ou distinguir o que alimenta o noso espírito do puro divertimento sen máis obxectivo que a troula, penso que alcumar co adxectivo de cultural moitas das facetas que hoxe se programan nos concellos é un erro garrafal.

Ó marxe de que as festas son necesarias e o lúdico tamén, cando se fala de cultura penso que hai separar o que é unicamente festeiro do que é unha actividade que persigue o saber e os demais obxectivos sinalados ó comezo. E digo isto pois hai quen dende o poder lanza diatribas afirmando que os actos, festas, que organiza dende o concello reúnen milleiros de persoas, mentres cos actos culturais moven moi pouca xente. E seguindo esa afirmación so pretende organizar actos de masas que neste caso son festas sen máis contidos co do divertimento.

Hai uns días estiven na presentación da “Antoloxía poética de Antón Tovar”, libro que preparou o ourensán Delfín Caseiro. Foi un acto, baixo o meu punto de vista, moi interesante. O auditorio do Liceo estaba cheo de xente que escoitou atentamente a intervención dos tres poñentes. Actos como estes hai máis. E son actividades que teñen un claro obxectivo, neste caso dar a coñecer a obra dun poeta ourensán, descoñecido para gran parte da cidadanía. E isto é moi importante pois crea autoestima a valora as xentes da nosa provincia. Esta obra está promovida polo Museo da Limia sito en Vilar de Santos, que traballa moito e ben no eido cultural. Mais a pregunta que xurde é a seguinte: unha festa onde soamente se busca a troula pola troula, aporta algo máis que divertimento para ter unha sociedade na que nos recoñezamos e teñamos orgullo de vivir? Aporta que teñamos orgullo das xentes que deixaron pegada e mensaxe? Entendo que non. Está claro que hai autoridades que non teñen a sensibilidade necesaria e non entenden o que é cultura e mestúrana coa troula chocalleira, cando só aporta decibelios e nada máis. Eso é o que moitos xa chaman “cultura de masas”, a que camiña cara a despersonalización dos individuos e vai contra o traballo das pequenas comunidades sociais.

Eu ben sei que hai que fuxir da cultura clasista, e que para poder chegar a moita máis xente, ten que haber moita pedagoxía. Tamén sei que as festas que están vinculadas a un feito histórico aportan máis cás que son inventadas para contentar á rapazada e que se fan con intereses electorais. Mais o presuposto do noso Concello, de moitos millóns de euros, ten que ter un apartado para promocionar un tecido cultural e manter vivas actividades culturais que se pecharon ou que seguen vivas con moito esforzo dos organizadores. Mais cando a cultura está sometida ós vaivéns da política e ós procesos electorais, a devaluación é unha realidade evidente. E iso é o que pasa nesta cidade. 

En fin, a verba cultura, como tantas palabras, está prostituída por quen soamente a emprega para recadar votos. 

Te puede interesar