Opinión

As festas tradicionais

As modas van e veñen segundo criterios e deseños que, acochados baixo o nome de modernidade, so buscan rachar coa monotonía e tamén acadar a mellora económica. Pero ás veces o que se entende por modas e novidades choca co que foi unha tradición que se mantivo no tempo como son as festa maiores de moitas vilas e cidades. Desta maneira, con frecuencia, os elementos que conflúen, na realización das festas tradicionais, están máis sometidos ás modas dos espectáculos que a manter aspectos e costumes que perduraron ano tras ano. E por iso aparecen diante nós como contrapostas e mesmo descafeinadas coa tradición que se mantivo no tempo. Esta cuestión, que non é unha banalidade, dá lugar a discusións e debates importantes.

A grande maioría das festas e romarías que se celebran en toda Galicia teñen unha raigame relixiosa moi apegada ó mudo agrario e son catalogadas como festas tradicionais. E dentro dese grupo estarían tamén as festas maiores de Ourense. Mais co paso do tempo, debido a evolución da sociedade, xunto coa variante do que se entende por “andar cos tempos”, o motivo orixinario, maiormente relixioso, foi pasando a un segundo plano ou desaparecendo na súa totalidade. Co que a raigame e enganche coa tradición foi esmorecendo e hoxe, cando se fala das Festas, neste caso do Corpus, xa case ninguén sabe a que se refire tal nome. Os tempos mudan, e camiñamos cara a separación do relixioso e do que moitos chaman, no eido festivo, o profano. Polo que, as festas maiores da cidade, xa nada teñen que ver nin co nome nin coas datas nas que se celebran, pois ámbalas festividades nin coinciden tempo.

Hai uns días, falando cun xornalista sobre esta cuestión, el afirmaba que ás festas maiores da cidade había que darlle unha volta, pois entendía que non tiñan unha boa conexión coa cidadanía e, en certa medida, pasaban desapercibidas ou, si se prefire, con máis pena que gloria; pois carecían de algo que as definira como un evento importante de unión entre os cidadáns do concello que é o que as organiza. Polo tanto, había que darlle unha volta a este asunto polo ben de todos. E deixaba caer cuestións de eventos e datas posibles. Logo propoñía para o debate facelas coincidir co Festival de Cine e mesmo cos Magostos sen esquecer outros eventos que por esas datas hai na cidade; dado que a conexión relixiosa hoxe é inexistente, polo que é necesario unha reformulación das mesmas.

En fin, sei que o tema é complexo e que xerará controversias; sei que buscar nexos de unión que xungan enraizamento coa tradición, que sexan populares, que teñan unha data que coincida con outros eventos que se celebran e lancen a cidade cara o exterior como reclamos para visitantes, será un factor complicado. Pero, pasadas as festas deste ano, penso que é o momento de afrontar tal cuestión. Claro, sempre a poder ser, co máis amplo consenso.

Os tempos mudan, as costumes tamén, e manter un equilibrio entre o que é tradición e modernidade parece moi complicado. As festas tradicionais en Galicia, paso a paso, e debido a múltiples factores entre eles a falla de poboación, van esmorecendo. E as de Ourense cada día teñen menos peso, pois perderon atraccións que anos atrás eran masivas como a Batalla de Flores. Polo que, ou se anovan ou esmoreceran definitivamente nun prazo curto de tempo. Gran traballo, ademais doutras facetas, lle espera ó responsable de cultura. Esperemos e vexamos como vai o asunto se é que decide afrontalo, pois festas en Ourense necesitan volver a tomar un pulo e unha persoalidade que hoxe non teñen.

Te puede interesar