Opinión

A gran farsa

Vivimos nunha sociedade onde as verdades a medias e as grandes mentiras invaden case todo. E como os cidadáns vémonos impotentes diante estes feitos, preferimos mirar para outro lado, pois somos sabedores de que dende o poder e outras institucións, a mentira amparada no argumento do mal maior, campa non so nas institucións de goberno, senón na sociedade, e por iso case todo nos dá igual, cando non debera ser así.

Mentres os membros do Goberno din que a economía medra e imos cara mellor, os datos do paro, sobre todo en Galicia, e dentro dela Ourense, son demoledores. Galicia perde 4.588 empregos en novembro e Ourense, mil, pero todo vai ben segundo o coro de gobernantes populares. Ademais, a nosa provincia ocupa o primeiro posto desta terra en emigración, a que leva, sobre todo, os mozos e mozas cara países da UE. Pois de 2008 a 3013 pasamos dun 3,2 a 7,1 por cento, todo un indicativo de que nin se crea emprego nin farrapos de gaita, dado que as cousas van cada vez peor.

Agora, cando as forzas políticas maioritarias falan de transparencia e de que todos temos que ser solidarios co que se chama o Estado, contrariamente ó que predican, estas formacións que tanto nos animan para que declaremos e paguemos o IVE nas cousas que mercamos, e no Parlamento Galego PP e PSOE -o primeiro votando en contra e o segundo absténdose- impiden que os parlamentarios declaren o total do que cobran. Tributan soamente polo 80% do que reciben mensualmente, todo un exemplo a seguir.

Pero o relato das mentiras no remata nestes exemplos. Despois do rescate bancario no que Bankia levou miles e miles de millóns de euros, que agora pagamos todos, unha auditoría amosa que a foto tocando a campaíña do señor Rato e todos os cómplices, resultou ser unha gran mentira. O prezo das accións mantívose con sinaturas de empresas, persoas próximas e clientes morosos. Tratábase de facer ver o que non había; tratábase de que os cidadáns percibiran que aquelo era unha inversión boa e segura, e mira que pufo levaron. Falamos de adulteración das contas dunha entidade que saía a bolsa coa aquiescencia do Banco de España. Conclusión: o dano causado é de 3.092 millóns de euros a particulares.

E seguindo esta restra de exemplos, ate a Igrexa tamén ten dentro de si moitos mentireiros. Si, a institución que naceu pobre e clama xustiza, ás veces con silencios clamorosos, agocha novas sorprendentes. Nunha revisión de contas, seica moi desordenadas no Vaticano, como por arte dun ilusionista aparecéronlle máis de 200 millóns de euros, seica estaban agochados non se sabe ben onde.

Ben sei que, ás veces, na vida hai mentiras piadosas necesarias, pero exemplos como os reseñados, ou sexa mentiras coa intención de enganar, percibímolas a diario, polo que a lista para enumeralas todas sería moi longa. Mais con todo, para os cidadáns do común todas estas cuestións amosan que vivimos nun pais de moitas fantasías, tal vez nun país de pillos. E se non, mirade as cousas e os logros dun tal Nicolasín, ó que agora ninguén coñece, pero paseábase polos ministerios como se fora un pequeno rei. E solo por ser membro dunha fundación chamada FAES.

Vivimos nunha sociedade afeita ás medias verdades, ou se se quere, a vivir coa mentira permanente na boca dos servidores públicos, os que debían ser modelo a imitar para o bo. E despois queremos pasar por un país serio que lle impón ós seus cidadáns grandes sacrificios, recortando servizos básicos, salarios e todo era para crear emprego. Vaia trola nos contaron os nosos gobernantes.

Te puede interesar