Opinión

A guitarra na Galiza

En datas recentes leu a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago a profesora e concertista do Conservatorio de Compostela Isabel Rei Samartín. Tese importante para o mudo da música e da guitarra, pois, aínda sen coñecela con fondura, sei que ten un obxectivo fundamental: dar a coñecer a musica galega que foi composta rara este popular e fermoso instrumento e amosar o seu vincallo coa música tradicional desta terra.

Coñecía a realización da tese e dalgunhas das pescudas que esta estradense levaba a cabo para facer un traballo tan importante. Neste eido das seis cordas é o primeiro estudo coñecido nesta terra e seguro que aportará datos e autores que lle darán un xiro ó repertorio deste instrumento tan universal. Nas conversas que tiven coa autora viñéronme á memoria os tempos nos que estudaba guitarra no conservatorio e as programacións que alí se impartían. Programacións que, en case todos os instrumentos, cecais por non ter material ou outras razóns que descoñezo, baseábase exclusivamente en estudar pezas de compositores de todo o mundo, coa excepción de incorporar alomenos algún da nosa terra.

Xa no eido da guitarra só se estudaban pezas de compositores clásicos, ainda que moitas destas obras eran transcripcións ou adaptacións, pois naceran para outros instrumentos alleos ás seis cordas. Non había ningunha referencia á música que para calquera instrumento nacera ou tivera un enraizamento coa nosa cultura. Isto que pode parecer unha cousa pouco importante ten o seu aquel. Se en todos os países europeos a música tradicional sempre foi a base da música culta e das grandes obras que a partires dela naceron, neste noso, ise principio non rexe nunha pequena parte.

Desta maneira coñeciamos o xenio de Bach, a traverso das súas adaptacións e transcripcións ben para clave ou laude, as obras de Fernado Sor, Heitor Villalobos e compositores españois que escribiran para piano e tamén foron transcritos e adaptados para guitarra. Mais descoñeciamos as pezas de J. Parga Bahamonde, músico do Ferrol, ou as composicións do arquivo de Marcial Valladares, etc. Da música galega soamente coñecíamos a “Suite compostelana” do catalán Federico Mompou e algunha peza máis. Como desto xa hai uns cantos anos, descoñezo se agora nos cursos iniciais, alomenos se ensinan pezas que amosan a música galega que arrinca da tradicional. Sei dalgúns casos pero creo que son aínda moi illados. Mais creo que todo sigue igual, ainda que hai obras que se editaron que son moi interesantes. 

Por iso entendo da importancia deste traballo, que abarca un estudo riguroso dende o século XII, co coñecemento dos cordófonos, ate o seculo XIX. Estudo que saca á luz moitas composicións e autores, algún de Ourense, que abrirán camiño nas escolas e conservatorios do pais. En fin, noraboa para a autora por esta aportación importante que lle dá á musica nacida e feita en Galicia un pulo tan necesario para o seu futuro.

Te puede interesar