Opinión

Hai 50 anos

O xornal La Región de hai uns días, no apartado “Historia en catro tempos” lembraba que hai 50 anos en Seixalbo se protestou contra a decisión de quitar os autobuses municipais e obrigar á xente a ir naqueles coches brancos que paraban tras da Alameda, chamados Cercanías. Foi ó comenzo dos anos setenta do século pasado, en plena ditadura. E os recordos daqueles anos aínda están vivos e son de novo actualidade, pois o noso mandamais e atrevido alcalde andivo debuxando liñas que pretendían recortarnos frecuencias e outras ocorrencias, ainda que agora parece que están aparcadas.

A historia é que, entre o alcalde daquela e o gobernador civil, idearon un plan de transporte que impedía que os autobuses municipais chegaran non so a Seixalbo senon a todo o chamado perímetro rural. No caso de Seixalbo paraban na rampa da desaparecida empresa Unicar, e o resto do traxecto cubríano os mentados Cercanías. 

Cando eso aconteceu (1970), un grupo de mozos convocou un concello aberto na praza de Seixalbo. A esa asemblea trouxemos case a empuxóns ó chamado pedáneo, Antonio González. Compre lembrar que estes pedáneos eran representantes do alcalde da cidade e non eran elixidos polos veciños. O certo é que a reunión quentouse, pois nesta Vila e Couto sempre se mirou cara a cidade onde se vendían moitos produtos da horta. As protestas de pouco valeron e os Cercanías comenzaron a substituír ós autobuses urbanos recortando servizos e, cando tiñan pouca xente para levar, non cumprían coas frecuencias acordadas. Un grupo de xente, para facerlle a contra, optou por ir e vir a pé moito tempo dende onde os deixaban os autobuses municipais, o que implicaba facelo catro veces ó día, pois as xornadas de traballo eran maiormente partidas. 

E así sempre con protestas seguiuse ate ás primeiras eleccións municipais. Esas eleccións trouxeron como novidade que os chamados pedáneos do rural foran elixidos polos veciños. En Seixalbo saíra Santiago Pereira. Logo, todos os representantes veciñais do perímetro rural reuníronse en Seixalbo e daquela xuntanza saíu a reivindicación de que os autobuses urbanos chegaran a todo o rural do concello. E así foi, pois sendo alcalde López Iglesias e o gobernador o sr. Borrego, os autobuses volveron a todo o perímetro rural.

Moitos pensarán o porque desta historia. A verdade é que fagoo para que os que gobernan, ou desgobernan como é o caso de Ourense, cando teñan insomnio e pasen as noites sen durmir maquinado como dar a nota e sobresaír da mediocridade, saiban que no que moitos aínda lle chaman o extrarradio non se chegou por casualidade a acadar determinados servizos públicos. Ollo con esa verborrea mental que algúns teñen, e que pasa por ideas de recortar servizos en determinadas zonas. 

Lembrar o pasado axuda a entender moitas cousas e problemas do presente. E o recordatorio que nos fai a prensa de acontecementos de hai anos axuda a que se entendan moitas cousas e problemas do presente.

En fin, que o alcalde que veña a partires do 28 de maio saiba que, dende o tempo dos foros en Seixalbo, o asunto reivindicativo ten raigame moi fonda, asi que, coidado con recortar servizos do bus urbano. 

Te puede interesar