Opinión

O importante é dar que falar

Quen manda no concello, por dar a nota e saír nos medios, obviando o estado de desleixo no que se atopa a cidade, pretende tapar as súas calamidades na xestión e darnos camelo coas luces do Nadal

En certa ocasión, unha persoa adicada a traballar pola comunidade veciñal recibiu unha crítica que entendía inxusta e comentoullo a un compañeiro. E este respondeulle: non te preocupes, o importante é que falen dun. O demais non ten interese.

Pois ben, parece que nesta nosa cidade onde todo vai a menos, acontece algo semellante. E quen manda no Concello, por dar a nota e sair nos medios, obviando o estado de desleixo no que se atopa a cidade, pretende tapar as súas calamidades na xestión e darnos o camelo coas luces do Nadal. Vamos que, coas luces do Nadal vanse arranxar todos os males que ten esta cidade do interior galaico; E vaise facer que, por arte de máxia, os cidadáns vexan ledicia onde soamente hai carencias; vexan xestión onde so hai desleixo. E pra eso xa comezou a que anden, en pleno agosto, a poñer cables pra que a navidade nos endulce a vida e agoche os disparates do escuro e turbio mandato de Jácome. Ademais, a inxenuidade deste rexidor, pretende emular ó que fan na cidade olívica.

A urbe das Burgas ten os parques nun estado lamentabel; ten o xogos dos rapaces cheos de merda e desfeitos. Todo está no máis absoluta abandono. Nas rúas e prazas como a Alameda ou o Xardín do Posío as árbores secas estan cortadas polo pé. Mentres outras locen a súa tristura como as palmeiras mortas dos Posío. Nas beirarúas as baldosas deixan chaquidos ou faltan; os edificios públicos do concello deixados da man están ó pairo como se non tivesen dono; as pozas e a piscina das Burgas, reclamo turístico e bandeira da cidade, pechadas e secas. Na zona rural do Concello e no extrarradio, non hai quen faga o mantemento nin se tapan os buratos nas rúas. E asi seguimos. No eido cultural todo esta morto. E podería seguir cos grandes temas pendentes dos servizos caducados, en precario ou pechados. O mesmo acontece co PXOM; tamén coa praza de abastos da Ponte. E poderíase aumentar a listaxe. Nada se fixo e nada se espera. Nada temos e a nada aspiramos.

En fin, pena de cidade. Vergoña de gobernantes que amparan a un alcalde que iba arranxar todo en moi pouco tempo e que pra agochar a súa desidia pon letreiros de: Ourense en obras, perdoen as molestias. E esas obras son tan grandes como repoñer unhas pedras ou esparexer un pouco sábrego nos paseos do Barbaña. A que chegamos en Ourense? En toda a época democrática nada semellante aconteceu.

Máis, o importante, é dar que falar e vender o camelo das luces do Nadal en pleno verán. Xa nada importa, perdeuse a dignidade política. E permítese que Ourense sexa mofa de chistes de malgusto. Non sei se temos o que merecemos ou é unha mala meiga a que nos mirou. Pero, o caso é que esta situación é de pena.

Te puede interesar