Opinión

O importante é a pasta

Cando percibes que todo camiña cara abaixo; cando ves que ano tras ano imos perdendo servizos, pechando negocios e percibes que os que mandan soamente lle preocupa facer caixa, non vale calarse e agochar a cabeza por mor de recibir un favor ou unha subvención. Ourense, concello e provincia, caen en picado e parece que hai algunhas persoas que sempre estiveron a defender as causas da veciñanza e agora din que non van á manifestación do 18 N contra o desleixo que vive o noso concello e por extensión contra un alcalde e os que o manteñen no poder tragando día a día sapos pola súa diarrea verbal e polo seu arbitrario e mal facer.

O pleno último, no que Jácome seguiu mantendo que lle aprobaran a norma que lle permitira cobrar dous mil e pico euros para o seu “chiringuito” partidario e a forma de actuar contra a oposición retirándolle os asesores ós grupos deixaron ben as claras que o que lle importa é a pasta pra manter vivo un medio televisivo que só está ó servizo dun persoeiro sen escrúpulos políticos e carente de ética.

Da moita pena ver que os representantes públicos perden o tempo falando de asuntos alleos ó interese xeral. Como se na cidade non houbese problemas moi importantes que tratar. Pena dos que sosteñen un goberno a sabendas de que neste mandato non se vai facer nada de proveito pra esta cidade do interior galego. Mellor estase a desfacer o que funcionaba medianamente ben. Que somos o faime rir do resto de Galicia, pois ninguén o dubida. Que aparecemos como paiolos cando votamos opcións que medraron coa mentira e a calumnia e que non soubemos frear no seu día esa deriva, tamén. Que dá a sensación de que Ourense non ten remedio, pois xa hai moitos que moitos o pensan e que o asumen como se fora unha maldición. Mais se seguimos así, ríndonos no bar; falando e dicindo pestes na conversa particular, ou criticando na partida de cartas e nas reunións familiares, nada arranxaremos.

E que saiban os lectores que non é un meigallo o que nos caeu enriba. Non. É a nosa mansedume e o noso conformismo o que nos levou a situación actual; é a nosa pasividade a que está levando a esta cidade e á provincia cara un punto de moi difícil retorno. E foi tamén a nosa pasividade a que permitiu que picáramos no que dicía un predicador, mellor un falabarato.

En fin, e agora que? Pois agora soamente nos queda amosar o noso desacordo na rúa, pois a situación á que nos levou o noso desleixo e o despiste de milleiros de ourensáns, trouxo esta outra pandemia. E situou na alcaldía a un rapaz que xoga co mando como si se estivera divertindo. Lembro a cantiga de Serrat: “Nene deja de joder con la pelota... Nene eso no se dice, eso no se hace y eso no se toca”. Claro que o Concello non é unha pelota, é algo moito máis serio. Mais o neno non deixa de xogar con el como se fora o xoguete do seu capricho.

Non sei se estamos a tempo de saír desta, mais debemos tentalo con todas as nosas forzas. Debemos, ó igual que hai moitos anos Ourense saíu á rúa reclamando o Campus Universitario, ou contra aquela celulosa que querían meternos preto da cidade, volver á rúa a berrar con forza e dicir que non podemos seguir nesta crítica situación. Por iso, temos que puxar pra que Ourense mude e todos nos sintamos orgullosos de ter unhas institucións públicas que estean ó servizo real da xente, e nas que se remate co caciquismo que a día de hoxe existe. En fin, de nós depende pra que Ourense supere esta etapa tan escura da súa historia.

Te puede interesar