Opinión

Impostos ás máquinas?

Verán: tempo de lecer onde, ademais da praia 
a montaña e as festas, hai espazo para a 
reflexión e para intuir o futuro desta sociedade. 

Hai uns días, nos medios de comunicación anunciábase que a transición cara o automóbil eléctrico deixaría na cuneta case trinta mil postos de traballo. Esta nova tamén estase a producir noutros eidos e sectores da nosa economía, polo que as reconversións industriais nun futuro próximo serán o pan de cada día.

A día de hoxe, moitas voces anuncian que no futuro a tecnoloxía, á que tanto adoramos, irá sustituíndo ás persoas e que as máquinas farán case de todo o que hoxe lles corresponde ós humanos. Camiñamos, segundo din algúns sociólogos, cara a sociedade do lecer que é tanto como dicir que imos cara unha moi diferente á que hoxe temos.

O problema do asunto ven cando preguntamos como se manterá esa sociedade. Como se manterá a Seguridade Social para seguir pagando as pensións dos que se xubilen. Como se manterá esa ristra de servizos básicos que son fundamentais para o benestar da xente. 

Quere isto dicir que consumimos sen control, incluso cantidade de cousas e bens que non son necesarios para vivir. A incentivación e promoción de todo tipo de consumo resulta, a día de hoxe, un tanto agobiante

Todos coincidimos en que as máquinas facilitan moitos traballos. Que liberan á xente de esforzos moi duros. Que son un grande avance social que axudou á modernidade; e que por eso son moi necesarias a día de hoxe. Tamén coincidimos en que a tecnoloxía eliminou moitos postos de traballo. E, segundo din, a robotización no futuro eliminará moitos máis. Pola contra, estamos metidos de cheo nunha sociedade que se fundamenta unicamente no consumo acrítico. Quere isto dicir que consumimos sen control, incluso cantidade de cousas e bens que non son necesarios para vivir. A incentivación e promoción de todo tipo de consumo resulta, a día de hoxe, un tanto agobiante. Pola contra, se a roda do consumo se queda quieta ou frea, a economía resíntese e a sociedade entra en recesión e crise. Mais o que si está claro é que as maquinas seguen chanzo a chanzo a ocupar o espazo dos humanos. E como estas non protestan nin se cansan, tampouco collen enfermidades nin fan reclamacións reivindicativas e, se rachan, sustitúense por outras, o custe parece proveitoso. E por riba, non pagan impostos, e como eso é así, a pregunta cae de caixón: como se van manter as cargas dunha sociedade con tanta xente sen producir ou pasando o tempo de lecer?

Que consumamos seguindo soamente ós nosos instintos, ó marxe da racionalidade e do sentido común

Eu ben sei que hai máquinas, que xa pagan impostos. Son as menos. Mais, a pregunta é a seguinte: nunha sociedade onde a tecnoloxía, e con ela a máquina robotizada, ocupa cada día máis espazo e elimina empregos, chegará o momento que terá que pagar impostos? Pensemos nos caixeiros dos bancos, nas máquinas que cobren postos de traballo nos que antes había persoas, etc. Polo camiño que vamos, os que controlan o poder axiña venderannos como avances que é preciso que os robots fagan as tarefas que hoxe facemos os humanos. Mais, ademais da deshumanización da vida ordinaria, con eles virá unha sociedade moi distinta a actual. Como se manterá esa sociedade? Todo o mundo sabe que no momento que vivimos os impostos son a base para ter servizos públicos. E que sin eles esta sociedade non funciona. En fin, o futuro chama ás nosas portas. E con el veñen novidades boas, regulares e malas. Veñen melloras envoltas ou maquilladas de modernidade que, ate o momento, só buscan que sexamos acríticos e consumamos sen control. Que consumamos seguindo soamente ós nosos instintos, ó marxe da racionalidade e do sentido común.

Nun tempo próximo, os grupos políticos e a sociedade en xeral terán que debater se a certas máquinas humanoides hai que porlles impostos. Esperemos acontecementos e o tempo dirá.

Te puede interesar