Opinión

As incertezas na aldea global

A segunda metade do século XX foi unha explosión de avance científico que amosouse en moitos eidos da ciencia. Froito deses avances chegou a mellora nas comunicacións. Mais xunguidos a estes avances viñeron outros problemas que crean inseguridade e incerteza.

A día de hoxe podemos saber ó minuto o que acontece en calquera parte do globo; podemos ter imaxes e coñecer culturas e xentes que viven nas antípodas. Esto, que é unha gran adianto, tamén ten as súas debilidades e fraquezas. Saber de países, ollar súas forma de vida, coñecer o regulamento da vida social e laboral e un longo etc. abriu portas ó que hoxe coñecemos como a deslocalización de empresas, pois as condicións laborais e os dereitos humanos entre uns lugares e outros son moi diferentes. Fabricar unha peza de roupa nun país onde o custe, comparado cos de Occidente, é unha miseria é unha tentación á que moitas empresas non se resisten. O obxectivo é vendérnola a nós recollendo importantes beneficios. O capital non sabe de ética, soamente ten intereses e de eso vive.

Tamén o século XX, e o que levamos do XXI, trouxo o inicio da sociedade do ocio. Trouxo o relevo de moita man de obra pola maquina e con elo a eliminación de custes. Esto lévanos cara unha situación de eliminación de servizos básicos que deixan a poboación maior moi indefensa, pois resúltalle complexo manexar as novas ferramentas como caixeiros, etc.

Dixen que o avance nas comunicacións, e con el a aparición das redes sociais, trouxeron vantaxes, pero tamén novas formas de delinquir e manipulación que incluso chegan a adulteración de temas sociais e políticos. Camiñamos cara a sociedade de masas controlada por un poder agochado que ninguén elixiu.

O mundo actual estase abrindo a unha nova época e, como sempre acontece, todo o novo que nace trae inquedanzas e moitos puntos escuros por aclarar. A sociedade do consumo na que estamos inmersos está chegando, ou chegou, ó seu máximo de desenvolvemento. E agora comezan as contradicións que semellan unha guerra de todos contra todos. E así aparecen as incertezas na sociedade occidental. A primeira é o envellecemento da poboación; a segunda son os problemas medioambientais e o consumismo acrítico; a terceira ven dada polo acceso a tanta información na que é moi complexo distinguir a manipulacións, mentiras e verdades; a cuarta son as desigualdades entre dereitos e condicións laborais na aldea global, primeiro motivo da deslocalización empresarial; a quinta é a pandemia global que nos trae de cabeza; a sexta son os procesos migratorios dos que pode que dependamos nun futuro. E así poderíamos seguir e seguir; poderíamos ir enumerando chatas e inquedanzas que abranguen a unha sociedade líquida e con areas movedizas como a nosa. Unha sociedade onde moitos valores e principios, así como a ética, camiñan na corda floxa.

Todo este acontecer lémbrame de novo a cantiga “Cambalache”, de Enrique Santos Discépolo. Esa peza musical que naceu a principios do XX e que amosaba as queixas e incertezas daquel tempo pasado: “Todo es igual, nada es mejor...” E agora que tamén andamos en tempos de muda, semella que a historia repítese e volve como unha roda que nos axita. Con todo, a globalización é un feito real e a sustitución do home pola máquina e o robot debuxa unha sociedade distinta a de hoxe. Outra cousa é como afrontaremos nesta aldea mundial os retos que temos neste século.

Te puede interesar