Opinión

Os ladróns son xente honrada?

Xa nada debe sorprendernos do que aconteza neste país de pillos e ladróns. Acostumados a escoitar cantidade de novas que amosan unha realidade de corrupción, ningunha praga peor pode caer sobre esta Hispania. Por un montón de avatares, trampas xudiciais e argucias diversas, a cidadanía xa asumiu que os grandes ladróns nunca son castigados. Incluso funciona o dito “os ladróns son xente honrada”.

Con todo, despois desta peste que nos asolaga como sociedade, aínda é frecuente escoitar por boca dos que xestionaban as grandes caixas e bancos que tiveron que ser rescatados a costa dos cidadáns, que o asunto das tarxetas fantasma era un tema legal. E que o uso que se facía delas era algo normal que viña de moitos anos atrás. Non chegaba co asunto escuro do Sr. Puyol, o dos ERE en Andalucía, ou o do sindicalista asturiano e moitos máis que non menciono, e que irán saído á luz, para agora saber que os grandes prebostes vivían a corpo de rei sen ruborizarse. Pero o pouco que sabemos das miserias duns directivos de alto copete que, ata ían mercar a un centro comercial os mobles para o fogar, despois de cobrar suculentos salarios, resulta máis indignante ó lembrar as palabras do Sr. Blesa e doutros persoeiros de gomiña no cabelo e traxe de aluminio, que camiñan aínda hoxe por riba do ben e do mal.

Agora que o xuíz Elpidio Silva xa foi machacado, pois consideraron os do tribunal delito e non falta, por meter o sr. Blesa un curto espazo de tempo na cadea, pois causoulle, segundo el dixo, un gran perxuízo moral e social no seu prestixio profesional, xa pouco queda que comentar. Pero neste país non existe ética, decencia política nin cousa que se lle pareza. E o máis malo é que a visión que se transmite na rúa é que todos son iguais. E non debera ser así. Mais o común dos mortais, presos do cabreo, sancionan e censuran igual as persoas que tiveron responsabilidades públicas de base que ós grandes executivos que manexaron a macroeconomía, coa frase de todos son iguais, todos son ladróns, todos son corruptos. Afirmación un tanto perigosa que nos leva á conclusión de que como todos son así, ten que vir un salvador a poñer orde e goberno.

Ben sei que todo o que agora acontece ten parte da súa orixe na herdanza recibida. Pois esta España sempre foi un lugar así. E a democracia neste país soamente valeu para votar, pero nada fixo para modificar comportamentos lastrados polo pasado, nos que o pillo, agora chamámoslle corrupto ou ladrón, era a persoa de éxito admirada por moitos ou case todos.

Dende logo, que vivir co sambenito de que somos cidadáns diferentes os do resto da Unión Europea é un bochorno; e de que neste Estado é mais listo o que mellor defrauda e rouba, tamén. Diante este cúmulo de corruptelas, cómpre unha revolución sensata que modifique a ética e o concepto de decencia na xestión do público e do privado. Con suma frecuencia escoitamos frases lapidarias que din “todos van roubar”, e en ton máis baixo, “claro que se eu puidera faría o mesmo”

Isto ven a descubrir que unha gran masa social ampara estes comportamentos, e persiste en manter modelos herdados complicados de arrincar, e xa é hora de que admitamos e rachemos co dito dos ladróns, pois os ladróns, defraudadores, corruptos e demais, non son xente honrada.

Te puede interesar