Opinión

Linguaxe enganosa

Nesta sociedade, a linguaxe populista empregada pola maioría dos grupos que están no poder cada día está máis presente. Non hai xornada na que, nos medios e mesmo nos traballos que se afrontan nos entes públicos, non apareza algún elemento que anuncie o que se fai dende a esaxeración e incluso a mentira. O que antes era unha faena diaria que non se facía pública, agora anúnciase a bombo e altofalante pra xustificar en moitos casos a ineficacia e o fraude dos que nos gobernan.

Hai uns días, un letreiro no medio da rúa do Paseo ocupando o centro da vía dicía: Ourense en obras. Mais a obra consistía en repoñer dúas pedras escachadas no medio da mesma. Uns días antes, polos paseos á beira do Barbaña, un letreiro semellante, coa mesma lenda cortaba o paso dos peóns. Uns obreiros cunha máquina andaban a explanar un pouco de sábrego pra tapar os buracos que todos os anos fan as augas. Ou sexa: mantemento do que xa leva moitos anos feito.

Mais cando vin o letreiro lembreime das grandes obras que fai o noso Concello, onde o desleixo é tan evidente que a moitos ourensás danos noxo ver como están os parques, xardíns, etc., todos no máis absoluto abandono. Outra institución que tamén baila ise son é a da Xunta do señor Feijoo. Hai uns días aparece na prensa que a Xunta vai traballar para que os concellos que quedaron sen entidade bancaria poidan acceder a ter un caixeiro onde retirar os cartos.

Pois ben, pasan uns días e o goberno de Feijoo adxudícalle tres millóns de euros á mesma entidade que pechou as sucursais pra que, polo menos, poñan un caixeiro onde antes había unha oficina. As desaparecidas e regaladas caixas tiñan a función de ser unha obra social e, por tal razón, estaban presentes nas vilas pequenas do rural galego. Mais ó privatizarse, previo saneamento e despidos masivos, pecharon sucursais e agora págaselle pra que poñan caixeiros onde os veciños poidan retirar os seus cartos. Mais, cando foi a privatización e desmantelamento, o Goberno de Feijoo estivo ben calado.

E así van as cousas nos diferentes gobernos. Gobernos que sen pudor nin vergoña empregan unha linguaxe populista e enganosa que manipula o contido do que se fai. E fano pra vendernos asuntos que son da súa obriga. Mais semella que so están pra darse e así xustificar os soldos que gañan.

A linguaxe populista xa se meteu nas nosas vidas e, agochada nos contos, enche de merda a sociedade coa intención de manipular á xente pra vender medias verdades ou falsidades. Na nosa cidade temos un bo exemplo. Anuncios de grandes obras que logo son trolas que nunca chegan a ser realidade. Así, lembrando vellos anuncios véñenme a memoria os macroproxectos que se anunciaron hai anos. Citarei como exemplo o da cidade deportiva en Benposta. Todo quedou en auga de borralla. Mais tamén lembro o pintoresco medio de comunicación que ate hai dous anos andaba a denunciar os buratos que había nas rúas da cidade. Claro, non gobernaba o seu dono. Agora o mesmo medio anda a convencernos de que todo está ben en Ourense. Xornalismo barato ó servizo exclusivo do xefe.

En fin, a mediocridade emprega unha linguaxe populista pra tratar de convencernos de todo vai moi ben. Mais a realidade é ben distinta, pois Ourense vai cara atrás.

Te puede interesar