Opinión

Luces no medio da escuridade

Que vivimos tempos moi malos para a cultura nesta cidade de Ourense, ninguén cun chisco de coñecemento pode negalo. Con moita intención nestes case catro anos de mandato municipal, o mundo cultural da cidade foi esmorecendo. E de que iso aconteza maiormente a culpa é do goberno da cidade. O mandato presidido por Jácome tomou como modelo cultural as festas; si, moitas delas inventadas para dar o “espiche” persoal, e paso a paso foi desmantelando as xa poucas actividades fixas con contido que había e que ocupaban un espazo, que podía ses mellorado, mais que funcionaba e que lle daban prestixio a esta cidade.

A frase que repetiu ate a saciedade de que a cultura a pague o que a queira, foi o tema que puxo en marcha o descalabro actual. E a cicatería de aportar uns cartos para que os festivais e actos culturais seguiran funcionando, co falso pretexto de que eran moi caros, valeu para xustificar o disparate de gastar moitos máis euros que antes pagando festas e orquestras onde o decibelio festivo e o pernil forman parte dun espectáculo chocalleiro e masificador. 

Moitos ourensás miran para o que fan os Concellos pequenos do arredor e toman nota do que se pode facer na cidade cando escampe a treboada jacomiana. E buscando actos culturais, tiven a fortuna de asistir o venres pasado, no concello de Vilar de Santos, á presentación do libro “Antoloxía poética de Antón Tovar”, acto fermoso onde o autor do traballo, Delfín Caseiro, xunto a outros oradores, glosou a importancia da obra poética deste home nado na Limia. No acto non faltou a música da man do cantautor valdeorrés Anxo Rei, que interpretou pezas cos textos de Tovar.

Seguindo o camiño da cultura, o domingo asistín no pobo de Sobrado do Bispo, Concello de Barbadás, a un acto organizado pola asociación cultural Porta da Cadea, que tiña como obxectivo recuperar o nome dun persoeiro descoñecido para a grande maioría dos ourensáns e, en xeral, dos galegos. O seu nome é Alberto García Ferreiro, poeta do século XIX. Home comprometido coa vida cultural e política da Galicia daquel tempo. O evento consistiu nun acto sinxelo no que a verba cálida de tres oradores encandilou a un público que escoitou atentamente o que falaban do que fora un veciño dese lugar. A música púxoa a coral Voces e Cordas, a banda de música de Sobrado e o grupo de gaitas do Concello de Barbadás. E os poemas recitados os rapaces e nenas do lugar. 

Xa seguindo a estela cultural, estes días saiu á luz a programación do Festival Pórtico do Paraíso, evento que se consolida no tempo e que foi desprezado e ninguneado polo goberno actual do Concello das Burgas. Este festival mantense na actualidade grazas á colaboración de concellos pequenos e o ente provincial. E no seus obxectivos está traer á cidade e a lugares con edificios senlleiros músicas e interpretes que non están nos circuítos da música comercial. O prestixio dos seus intérpretes atrae a un público que demanda música de calidade, pois onde queira que se celebren os concertos, a asistencia está asegurada.

A cultura é algo máis que festa. É algo máis ca espectáculos de masas que se fan cortando unha rúa para que logo escoiten o que un predicador vacuo di en función dos seus intereses electorais. Promocionar a cultura é tamén unha obriga das institucións públicas, polo que, a día de hoxe, se as asociacións culturais non o fan, ninguén o tenta facer. Dende hai case catro anos camiñamos no medio dunha escuridade cultural que abafa. En fin, so me resta engadir unha loa para as asociacións e concellos que organizan ou apoian estes actos que dignifican a cultura e promocionan o bo nome de Ourense. 

Te puede interesar