Opinión

MANUEL FRAGA

Manuel Fraga acaba de deixar este mundo e a súa vida pasa a ser motivo de análise para historiadores e politólogos. O 'león de Vilalba' foi soterrado en Perbes tal como era o seu desexo, e de agora en adiante formará parte do noso pasado recente. E os que revisen a historia de España e de Galicia sopesaran na balanza pros e contras, para logo emitir unha opinión sobre o individuo e os seus feitos. Vaise con Fraga o último persoeiro que vindo do franquismo adaptouse á democracia. Moitos din que foi un gran home de estado; outros, que foi o político arrogante que, sendo ministro da gobernación durante os últimos anos do réxime ditatorial, dixo aquilo de 'la calle es mía'. Sempre foi un home de impulsos que amosaba unha personalidade autoritaria e mesmo patriarcal. Con el vaise un representante do tardofranquismo. Vaise un actor do réxime que entendía que aquel modelo non tería futuro sen Franco e que ou se modernizaba e adaptaba aos tempos ou non sobreviviría. Máis con ser Fraga un reformador do franquismo, endexamais deixou de ser unha persoa que sempre se opuxo a revisar o pasado daqueles gobernos dos que el formou parte. Por iso rexeitaba reabrir as fosas clandestinas dos mortos na represión, por medo a visualizar a tristura e as barbaridades dun xeito de gobernar que durou ate o ano 75 do século XX, e do que foi copartícipe nas últimas etapas.


Agora, posiblemente, co paso do tempo e unha análise pormenorizada se desmitifique a figura deste home camaleónico que sobreviviu á ditadura e que tivo un importante papel na democracia, pois ademais de fundar o Partido Popular e de ser un dos pais da actual Constitución, foi presidente en varios mandatos da Xunta, na que deixou a súa impronta positiva si a comparamos coa xestión dos mandatarios actuais. Aínda que, como político ambicioso, fracasou na súa aspiración de gobernar a España pos franquista.


Curiosidades da vida: fina Manuel Fraga, o ministro responsable dos sucesos de Vitoria (3 de marzo de 1976) no que morreron cinco persoas a disparos da policía, cando Baltasar Garzón vai ir a xuízo por pretender indagar nas desaparicións durante o franquismo. A historia desta España ten moitas luces e sombras que viven agochadas grazas a unha transición que so favoreceu a unha parte: a dos vencedores; parte que aínda, pasados máis de trinta anos, rexeita revisar os excesos cometidos contra os que loitaban ou resistían esperando a democracia e a liberdade.


En fin, morreu Fraga, un home cunha personalidade forte, temperamental, autoritario, controvertido e mesmamente polémico que adicou a súa vida á cuestión pública, que deixa tras de si moitas luces e sombras, que gañou tres eleccións en Galicia e que gobernou a Xunta con bastante mesura e autoridade fronte aos que, dende Xénova, so nos ven como unha terra pintoresca na que a autonomía soamente é unha descentralización administrativa. Descanse en paz.

Te puede interesar