Opinión

Mellor que un Concello

Canso de escoitar falar sempre de conflitos sociais, invasións e guerras, miro cara o lugar onde vivo amo e sinto, pois decátome que hai que valorar o que temos e comparar co que acontece noutras terras. 

O domingo pasado a asociación veciñal renovou a presidencia e a xunta directiva dunha institución moi querida polos habitantes deste lugar. Este é un proceso que se ven facendo con regularidade dende o ano de 1985, cando esta asociación comenzou a andaina reivindicativa e de servizo ós veciños desta pequena vila. (Debo aclarar por que lle chamamos vila, pois antes do xuizo dos foros, litixio que durou vinte anos e que rematou no ano de 1859, Seixalbo estaba denominado como Vila e Couto, e ó eliminar o foro que o vencellaba ó bispo e ó Cabildo Catedralicio, perdeu o título de Couto, mais non o de Vila.)

Leva esta entidade, que na actualidade conta con máis de 375 socios, entendendo por socios os que pagan o recibo anual, sendo unha ferramenta moi importante, non só pra acadar melloras sociais e nos servizos públicos, senon para manter a unidade veciñal, o que se reflicte na participación e nas reivindicacións así como na boa relación entre todos os habitantes do lugar. 

Ten a Asociación San Breixo tras de si unha historia chea de feitos positivos que son dignos de salientar e que foron vitais para que Seixalbo cambiara a súa faciana e, a día de hoxe, aínda que no Concello deso nin se enteran nin o teñen como obxectivo, é o núcleo rural de Ourense mellor conservado e polo tanto digno de visitar.

Por iso tanto a asociciación veciñal e outras entidades como o Clube Deportivo Seixalbo e a Asociación Cultural Agromadas teñen tras de si un traballo de moitos anos que é fundamental para entender o Seixalbo de hoxe. Si San Breixo representa ós veciños nas súas reivindicacións diante as institucións e sobor de todo ante o Concello, e actúa como nexo de unión veciñal informando de todos os aconteceres que pasan no lugar, o Clube Deportivo Seixalbo, cos seus 367 socios desenvolve unha labor social que vai moito máis alá do deportivo, e que ten como base a promoción dos valores do deporte e tamén os cívicos e sociais. Mentres, Agromadas, cos seus 145 socios, saca á luz a historia e recupera os feitos do pasado como a conmemoración da eliminación dos foros en 1859, cen anos antes que no resto de Galicia, e lanza o premio Freire Carril e sigue a sacar do esquecemento ás persoas máis salientables des noso lugar. 

Nun tempo onde a defensa do público e a participación veciñal están en horas baixas, nun tempo onde o individualismo campa as súas anchas, os veciños deste núcleo histórico poden estar moi ledos por ter unhas institucións modestas, que maiormente funcionan de seu sen axudas públicas, pero que son un modelo a seguir noutras vilas e lugares desta provincia,

O día 20 do mes que andamos renovouse co voto de 252 veciños a directiva da asociación veciñal. Catorce persoas, presididos por Xosé Carballido, que durante outros catro anos tentarán buscalle solución ós problemas que ten Seixalbo como: a renovación da rede de augas ata a entrada da vila, a dos coches no interior deste núcleo catalogado de valor dtnografico e o aumento do espazo publico no Parque da Infesta. 

En fin, cos tempos que corren no Concello da capital, onde todo anda manga por hombreiro, Seixalbo pode presumir dunha personalidade e unha asociación veciñal que funciona como se fose un concello pequeno con gañas de servir ós habitantes do lugar. 

Te puede interesar