Opinión

Menos cultura e máis festa

Coa chegada da democracia ós concellos no 1979, moitas destas institucións marcáronse o obxectivo de achegar a cultura á veciñanza e crearon unha nova concellería: a de cultura. Percibíase na sociedade unha demanda por coñecer novas formas de expresión e de acceder a novos contidos e espazos culturais que ate o momento ou estaban esquecidos ou vetados.

Os anos foron pasado e naceron ciclos musicais e festivais; houbo concertos e exposicións e abriuse nos concellos un tempo novo. Daquelas na nosa cidade soamente existían as sás de baile e espectáculos e, a cultura, estaba cinguida ás entidades como o Liceo, o Orfeón, a Troya, ou o nacente Ateneo. 

Pois ben, dende que aparece a mentada concellería, con maior ou menor acerto, Ourense adentróuse no mundo cultural e novos eventos como o festival de cine, os venres do verán, e nos últimos anos ciclos de Teatro e o festival do Pótico do Paraíso fóronse abrindo camiño. Nalgúns barrios empezarónse a celebrar semanas culturais e outros eventos que superaron o eido festivo existente. Iste ambiente cultural, pois cultura e festas sempre estiveron metidos no mismo caixón, chegou ate os nosos días con acertos e tamén erros. Mais coa chegada da nova corporación presidida polo sr. Jácome anúnciase un xiro radical neste eido e, dun plumazo, suprímense festivais consolidados tratando de xustificar tal medida polo custe económico e así promocionar a filosofía do aforro e de que a cultura terá que estar relacionada co número de xente que asista ós actos e ademais ó retorno económico do custe do evento. Esta mercantilista visión da cultura tenta achegar máis as actividades ós eventos festivos e os espectáculos de masas. Polo que, a cultura, queda sometida e entendida unicamente como un elemento de diversión ou  actividade ludica, deixando de lado o obxectivo de adquisición de novos coñecementos, de saber, de novas expresións  artísticas, de música que supere o decibelio festivo,  e sobor de todo, de debate e reflexión diante unha sociedade viva que muda constantemente.

Malos tempos veñen, cando soamente se ve a cultura como negocio no que soamente  se busca unha rentabilidade económica momentanea. O mundo cultural ten outra dinámica e outros tempos e, o retorno, co paso do tempo sempre supera o feito económico. 

Vivimos na nosa Auria con certo abraio as grandes contradicións entre o que dicía o actual alcalde na oposición e o que agora fai. E con estas historias Ourense como cidade, perde presencia e peso no mundo cultural galego e do Estado. 

Por iso, para desmontar esta cutre visión do noso alcalde e dos compañeiros de viaxe que apoian, sería moi esclarecedor que saíran á luz datos economicos referidos ó Concello. Así é preciso saber: montante xeral de presupostos; canto se gasta en persoal; canto se gasta no aumento de asesores; canto se gasta en festas e canto se gasta unicamente en cultura entre outras cousas. Pois sabendo istes datos veríamos moi clariño que en cultura gastase moi poiquiño. Case nada de nada. E iso levanos a non saber distinguir o que é chocalleiro e zafio do que ten calidade, sensibilidade e categoría. As declaracións e ocurrencias, como a de vender, ou regalar, o cohe oficial pra aforrar é unha trola semellante ó aforro que nos propón en cultura eliminando os convenios coas entidades culturais. Mal futuro nos espera dado que quen chega ó poder con ideas prefixadas e obsesivas sen base documental demostrabel comete erros e di disparates día tras día.

En fin, se queremos que haxa máis cultura non tiremos co que xa estába funcionando como se fixo coa banda de música. Potenciemos a infraestructura cultural apoiando ás asociacións culturais de base que dende hai anos precisan respiración económica asistida. Deixémonos de actuar marcados por estigmas e resentimentos contra as entidades que traballan nese eido. Fágase un deslinde entre cultura e festas. E se non é así, eliminemos esa concellería ou chamémoslle de festas e contratación de espectáculos que queda mellor.

Te puede interesar