Opinión

Mercando votos

Nin por asomo pensei que, nun réxime democrático, os cartos dos impostos que relixiosamente pagamos ó Concello se empregarían como reclamo electoral. Ou sexa, para que voten a quen pon en marcha, sen máis criterio que o de fundir polo menos 10 millóns de euros, a dádiva de 100 euros por persoa para gastar no comercio local. Esta medida sae á rúa co enganoso pretexto de axudar ós pequenos negocios desta urbe, dado que hai quen pensa que con dar unhas axudas vanse arranxar os problemas estruturais destes pequenos comercios. E faino mesturando o comercio local coa hostelería a sabendas de que son cousas ben distintas. Pero estamos en campaña e semella que todo vale.

Sempre pensei que os impostos que pagamos eran para mellorar e aumentar os servizos públicos ou, nalgún caso (extraordinario) plantexar subvencións moi medidas para algún sector ou xente. Mais vexo que a tolemia por querer seguir montando no machiño chega ate o delirio verborreico de quen reparte os cartos que son de todos sen máis criterio que o de facerse notar.

De todos é sabido que montar unha empresa, pequena ou grande, ten certos riscos, dado que competir nestes tempos implica irse adaptando e evolucionando para seguir existindo. Esa é unha das regras de calquera negocio. Outra regra é que cando gaña cartos non se reparte cos clientes: se lle vai ben é que é un bo negocio, e se non, pecha. 

Mais tratando de afondar no asunto, os problemas do comercio local non se van arranxar dándolle unha subvención de 100 euros e o curioso deste despilfarro é a falla de criterio para repartir eses cartos. Isto implica que non se fai por familias, nin rendas, senon que todos os membros -incluso os cativos- poden acceder a esta axuda precísena ou non. O obxectivo único é o de que consuman. E o que se aprobou no 2020 atrasouse, premeditadamente, para poñelo en marcha arredor da campaña electoral. Isto que parece unha minucia ten unha lectura: mercar votos.

A verdade é que eu, inxenuo de min, pensei que isto só acontecía en países onde votas para que che dean de comer uns días e logo esquécense de ti. Tamén pensei que iso só pasaba no chamado terceiro mundo, polo que nunca asimilei que a sombra do populismo chocalleiro e verborreico se instalaría nesta cidade. Mais nada me asombra xa. Primeiro eliminamos a prensa nos locais veciñais; seica era un despilfarro. Logo eliminamos da vida cultural a Banda de Música; tamén os festivais consolidados, como o Pórtico do Paraíso. Despois pechamos o Museo Municipal, e a iso seguiulle a UPO. E podería enumerar e seguir con máis cousas. E todo porque era tirar cos cartos. Pois, segundo o ínclito alcalde, “a cultura que a pague quen a queira”. Pola contra, gastamos cartos a esgalla en escaleiras que veremos quen as mantén, e organizamos festas onde nunca as houbo, pagándoas a cargo do Concello. Ademais do dito, dilapidamos cartos en contratos pequenos que escapan ó control da oposición e son nalgúns casos un dispendio económico. E agora, ate os menores, non importa os anos, con teren un DNI poden retirar o bono para iren xantar ou mercar un xoguete ou calquera ocorrencia que se lle antoxe no comercio local.

Ourense camiña cara atrás en todos os índices que miden o benestar social. E no Concello, tres concelleiros tentando salvar o pelexo, coa aprobación dalgúns e o silencio de outros, despilfarran os cartos que non son deles. E o que veña no futuro, que apande. Ourense comenza a ter un paralelismo coa Marbella do finado Gil e coa do delincuente Muñoz. 

En fin, para fuxir deste disparate que estamos a vivir na cidade das Burgas, soamente nos queda acollernos ó que moitos veciños me din: “Mira eu vou coller o vale, mais votar votarei a que me pete. O meu voto non se merca por 100 euros”. Asi que esperemos acontecemento e xa veremos o que acontece o 28 de maio.

Te puede interesar