Opinión

Metamorfose ideolóxica

JOSÉ PAZ
photo_camera JOSÉ PAZ

A evolución ideolóxica dos seres humanos ás veces resulta chocante e tamén contraditoria. Dende o nacemento da Constitución ós nosos días, moitas das persoas que pasaron pola política sufriron unha mutación ideolóxica que resultou un tanto esperpéntica. Ollamos con frecuencia casos de cargos políticos que deron bandazos que, a día de hoxe, parecen de loucura.

Ben sei que a ninguén se lle pode impedir o cambio das súas ideas segundo a formación e información que teña, ou incluso debido a outras circunstancias da vida. Mais pasar dun extremo ideolóxico ao contrario parece unha cuestión difícil de xustificar. Tamén sei que os anos e o ego persoal pesan e, ás veces, por uns intres de gloria mediática danse pasos errados que axudan a branquear a ideoloxías perigosas que teñen tras de si agochadas prohibicións e ilegalizacións dos discrepantes. 

No período de tempo sinalado, moitos foron os que practicaron a metamorfose ideolóxica. Lembrarei un par de casos: Rosa Díez e Jorge Vestringe. A primeira pasou de ser aspirante a dirixir a Secretaría Xeral do PSOE, a saír á rúa en manifestación xunto á extrema dereita predicando postulados semellantes ós de Vox. Pola contra, o segundo pasou de ser o líder do PP a un profe de universidade que a día de hoxe defende as teorías próximas a Podemos. 

Ninguén pode negarlle a evolución de pensamento, pois é un dereito natural. Mais hai casos, como o do economista membro importante do PCE Ramón Tamames, que dentro duns días defenderá unha moción de censura presentada por Vox contra o Goberno actual, que chirrían e desafinan moitísimo. Apoiar unha moción que chama poderosamente á atención e que non ten futuro pode converterse nun espectáculo semellante a unha comedia bufa. E o señor Tamames faino sen sopesar o ridículo que pode ser. Non só pola idade que ten, senón polo anuncio que fan dende o partido de extrema dereita, pois din que, se saíra adiante, sería para convocar eleccións xerais axiña. Co que, de moción construtiva, nada, pois se todo vai normal, a lexislatura remata no outono deste ano. A moción de marras non ten outro obxectivo que tentar que Vox apareza como oposición fronte ó Goberno actual. Mais, sabedor desa meta, non se entende como unha persoa octoxenaria se presta a ser un instrumento para tal xogada.

Hai xente que ó ver que os anos pasan e o seu ego, na súa andaina vital, non quedou plenamente satisfeito, perde o prestixio acadado por ter uns intres mediáticos de gloria.

Todas as persoas temos o dereito a movernos ideoloxicamente como nos pareza máis coherente, todos temos o dereito a revisar o noso pasado e emendar erros, mais para eso compre un certo exame e revisar e criticar abertamente o que antes pensaba e logo xustificar con argumentos e razóns o paso dado.

En fin, como a metamorfose política tamén se deu, ainda que menos, en Galicia, coidémonos destes persoeiros que semellan ser oportunistas ou un tanto narcisos. Persoeiros que poñen por diante da ideoloxía o seu ego e, se cabe, os seus intereses particulares. E non esquezamos que, os polos ideolóxicos case sempre se encontran no mesmo bando. Pero tampouco esquezamos que esta moción esta branqueando ós que se aproveitan da magnanimidade da democracia para tentar desacreditala e manipulala, e logo cortar ás liberdades e poñerlle chanzos e cadeas ás ideas. E a ise xogo préstase quen tirou o currículo pola fiestra a cambio de ter uns intres de gloria. De pena.

Te puede interesar