Opinión

As miserias da política

Os seres humanos temos moitos lastres que enmerdan a nosa existencia. Somos esa especie que ten a capacidade de devorarse a si mesma. Nestes días todos temos que facer unha reflexión pra poder dixerir que un pai sexa capaz de eliminar a un fillo indefenso. Que falla na humanidade pra que se chegue a unha situación tan aberrante! Non á violencia machista ten que ser un berro unánime.

Mais o meu comentario, ademais do reseñado e a dor que eses feitos nos produce, quere falar das miserias que tamén hai na política, ou mellor das persoas que exercen na vida pública e actúan soamente polo interese persoal e non polo colectivo. E para iso, a primeira cuestión está en entender como tantos charlatáns de feira poden embaucar a milleiros de persoas berrando e prometendo o ouro e o mouro, e incumprindo despois todo o que dixeron.

Sempre pensei que vivir en democracia traería máis educación e cultura e, polo tanto, máis saber. E iso daríalle ás persoas a capacidade de discernir entre o grao e a palla, ou entre quen é unha persoa vacua de sentimentos que minte, doutras sensatas que falan con razóns de peso.

Levo moitos días escoitando que, por primeira vez en moitos anos, a nosa cidade, non ten proposta programática cultural no Concello. “A cultura que a pague quen a queira”, dixo o noso rexidor. Pasaron os maios e as festas da cidade e, aínda que estamos co tema da pandemia, non houbo nin unha lembranza que fixera mención a esas efemérides. Por outra lado, lembro que desfíxose a Banda de Música e fuxiron festivais que lle daban nome e peso á cidade fora de Galicia, baleirase de contido o Auditorio e molesta ate a existencia da UPO. E, o mais tristeiro, é que non pasa nada. Ben sei que, cando a sensibilidade humana é nula e non se distingue unha boa banda de musica dunha charanga, ou non se distingue o chamado rock sinfónico ou decibelio festivo dunha sinfonía, pouco podemos esperar. Mais cando se é gobernante e se adquire a categoría de autoridade pública, é obrigatorio facer un cursiño de mínimos de comportamento, saber estar, ter cultura xeral e musical e sobor de todo de ética para non facer o ridículo e moitas cafradas que logo pagamos todos.

En Ourense, señores, morreu a cultura animada dende o Concello. E levamos dous anos nos que, o pouco que existía desapareceu, porque seica era tirar cos cartos. E preferiuse encher o Concello de asesores que incluso andan cunha cámara pola rúa ensalzando as virtudes dun goberno formado por un triunvirato que existe por obra e graza dos populares; grupo político que rabea por volver e seguir no mando a costa do que sexa. E para iso culpa a outros do que é o seu deber: apoiar unha moción de censura que saque do poder a quen hoxe ocupa a cadeira municipal.

En fin, aforramos de gastar unhas cadelas anuais no mantemento da cultura, para tirar máis dun millón de euros en soldos a achegados co nome de asesores.

Cando na política só conta o obxectivo de manterse no poder como sexa, afloran as miserias humanas; aflora a miseria política que só trae podremia e deterioro da vida pública. E a vida institucional esmorece de tal maneira que todos saímos perdendo. E iso é o que pasa neste Ourense onde todo está por chegar e nunca chega. Hai cartos para invertir: si. Agora 62 millóns de euros. En que? En ocurrencias. As miserias da política campan nesta cidade e pagarémolas todos. Mentres, quen pode arranxar o tema está agochado por comenencia partidaria e tamén propia no Pazo Provincial. De pena.

Te puede interesar