Opinión

Música, poesía, percusión e danza

A pesares das limitacións que siguen vixentes por mor da pandemia, o camiñar que nos leva á tan desexada normalidade, agroma en diferentes concellos desta provincia. Deste xeito vanse dando pasos que animan á recuperación cultural. Son pequenos chanzos que auguran un certo movemento e recuperación do tan castigado e menosprezado mundo da música e demais disciplinas artísticas.

A semana pasada, aínda que maiormente espallado pola provincia, e sen apoio do Concello de Ourense, volveu o festival Pórtico do Paraíso. Cita xa consolidada que trouxo esas músicas que circulan pouco polos medios comerciais, pero que teñen moita calidade. E, desta vez, sonaron en distintos puntos da provincia onde o entorno e as edificacións axudaban e lembraban tempos pasados. O intento de seguir adiante con iste festival merece unha grande felicitación para os organizadores, pois coido que son xente de tesón que ama, neste caso, á música e que merecen un forte aplauso.

E seguindo o camiño desas actividades tan escasas na cidade das burgas, á brúxula levounos ate o concello de Xunqueira de Ambía. Pois, arredor da colexiata, e baixo o nome de CamiñArtes tres citas consecutivas propiciaron que moitos ourensáns asistiran a uns seráns onde a música, a palabra, a percusión e a danza presentábanse conxuntamente como se unha desas partes non poidera vivir sen a outra. Foron tres espectáculos que en días distintos, ademais de ter diferentes escenarios, todos arredor da Colexiata, o claustro e o salón de actos, permitiron ós asistentes escoitar músicas en riguroso directo. Pezas instrumentais, cantos e verbas poéticas de distintas épocas e estilos. Así interpretáronse cantigas de música antiga, danzas de Gaspar Sanz, de Villalobos, cantigas de Brans, etc. Tamén poemas doutro tempo e actuais: sonaron percusións e disfrutouse coa danza. Todo isto fíxose en cada sesión, ou paseo, dándolle un aire novidoso que obrigaba ós ointes a ubicarse nun tempo distinto que levaba ós presentes a vivir, por un intre, nunha época lonxana ós nosos días. Facer posibel un acto destas características leva consigo a participación de moita máis xente, músicos, recitadores e danzantes, etc. Todo elo pra darlle a todas as sesións un colorido especial amosando unha actividade chea de sensibilidade e fermosura que gustou moito ós presentes e axudou a esquecer por un tempo o mundo real pra entrar noutro moi distinto e sensibel.

Música ó natural alternando coa palabra que nos fai pensar e reflexionar; música sen aditivos nen colorantes; danza que expresa sensibilidade, que transmite emocións e curiosidade onde o silencio rachado por un acorde, ou unha voz que logo é acompañada por arpexios, axuda a levarnos a unha dimensión distinta. Si, a un espazo sonoro que nos fixo esquecer a rutina e monotonía agobiante das nosas vidas. Un paseo dende o medievo ate o presente que trouxo sosego, ledicia e certa paz a todos os asistentes.

Noraboa para todos os menbros de Ars Combinatoria, para as entidades que apadriñaron iste concertos, ao Concello de Xunqueira de Ambía, e a todas as persoas que fan posible que a vida cultural, e dentro dela a musical, teña día a día, aínda que sexa fóra do concello de Ourense, máis forza. O camiñar que nos leva a tan desexada normalidade, faise máis levadeiro cando a vida cultural toma pulso e forma parte do noso día a dia.

Te puede interesar