Opinión

Nacionalismo paleto?

Cando as cuestión ideolóxicas e propostas partidarias se consideran dogmas, xa non estamos no ámeto da política, entramos no eido das cuestións de fe, e iso que parece unha banalidade non o é. A política é un asunto dos humanos e o outro entra no campo estritamente relixioso e pode chegar, a través das crenzas, ó fanatismo, e logo a ser incompatibel coa racionalidade coa que debemos actuar os habitantes do planeta.

Hai uns días un líder político o que non quero nomear soltou unhas lindezas que amosan falsidades, descoñecemento, fanatismo e moita xenreira sobor dos que non pensan coma el. O ínclito persoeiro cualificou a Castelao como un racista e xenófobo. A verdade é que se nota que fala de oídas e, referíndose ó ilustre rianxeiro, é un total analfabeto. Mais como estamos en campaña el e outros do seu grupo en Galicia deixaron lindezas e ameazas que non deben esquecerse. A primeira é que tildou ós votantes dun grupo nacionalista de “paletos”. Ou sexa, que defender a esta terra fronte a un centralismo que foi abafante e negador dunha realidade social e cultural de corenta anos é pouco menos que un delito. E, segundo el, o nacionalismo galego é de paletos e, por dedución, o nacionalismo español é o bo. 

O nacionalismo galego, na grande maioría, non é arredista, traballa polo dereito a defender a súa lingua e cultura e que as materias primas que están nesta terra alomenos revirtan primeiramente en beneficios sobor dos seus habitantes, cuestión que maiormente hoxe non acontece. Tamén traballa para que a Galicia se lle recoñeza como unha nación dentro do Estado actual. E iso non é de pailáns nin de paletos. Ou acaso, por poñer un exemplo, os navarros non fan algo semellante defendendo o seu concerto económico? E por iso son malos españois? 

Outras das lindezas que deixou o líder deste grupo, sona a ameaza: “Si nuestra gente se pone violenta sería terrible para vosotros...” Verbas que lembran a vinganza e ós grupos nocturnos que facían as sacas e axustizamentos noutros tempos. Claro que, diante estas cousas a xustiza mira para outro lado. Aínda que logo encausa a un que cantando di que tal político ou autoridade e un corrupto. 

Na política española instalouse un vento violento de tristeira lembranza. E nela cabalga unha dereita que añora un pasado de triste recordo. E xa se sabe, cando as cuestións políticas pasan a categoría de dogmas, axiña a razón queda fora do proceder humano. Agora resulta que defender un modo de ver a vida, o cal refléxase no idioma así como nas formas de ser e actuar; defender a fala que herdamos dos nosos avós e que foi menosprezada por mor das prohibicións e a oficialidade e reducida ó ámeto familiar, a día de hoxe é ser un paleto. Pois imos bos con tales persoeiros.

En fin, na política española instalouse un vento dogmático que non entende de asuntos racionais. E iso é un mal asunto. Con todo, apliquemos o dito: ladran, logo existimos e camiñamos porque aínda estamos vivos.

Te puede interesar