Opinión

¡NON MÁIS FRENTES, POR FAVOR!

En política todas as opinións son respectables. Todas, posiblemente, están emitidas coa mellor das intencións. Pero as ideas lanzadas dende o fragor da batalla ideolóxica nunca son as máis acaídas. Polo tanto, a reflexión e a maduración das ideas reclaman prudencia.


Vense dicindo dende hai un tempo que, para ser útil a unha sociedade, a un país, hai que facer unha lectura o máis fidedigna posible das causas e dos problemas que ten a xente que o habita e ter claro cara onde se quere camiñar. Igualmente é necesario saber que tipo de sociedade queremos para logo tentar acadala. Da lectura dos problemas e da estructura social e humana, e polo tanto sociolóxica, podemos quitar conclusións para afrontar a tarefa política. Polo que, se un fai unha análise baseada no que un quere, pero non no que a gran maioría social pensa e precisa, pode volver a caer no erro de sempre: predicar no deserto ou crear unha ferramenta inútil.


O mundo nacionalista galego está nun momento moi convulso. Dentro del existen alomenos dúas formas de ver Galiza e de solucionar os seus graves problemas. O nacionalismo, durante un tempo, estivo aglutinado nunha fronte política que pretendeu monopolizalo. Tivo un momento de importante éxito electoral pero, nos últimos anos, foise desinflando pois a mensaxe frontista que lanzaba non era nin é comprendida pola sociedade a que se pretende gobernar. No primeiro dos casos, o límite electoral chegou ao seu cenit, e todo por xogar exclusivamente no campo da esquerda política. Despreciando que neste páis hai unha vida social que abarca máis aló do límite hoxe confuso esquerda-dereita. No segundo caso, foi o lanzarlle á xente a idea de que imos liberar o páis, pois somos unha colonia política non sei de quén. E para eso temos que facer unha fronte dividindo socialmente á xente. Graves apreciacións que algún dirixentes teñen na cabeza e que a gran maioría social non entende.


E claro, a medida que as xentes dun país viven en democracia, non entenden as mensaxes políticas das forzas que os queren representar con ideas de permanente oposición. E axiña aparece a crise política do grupo. Agora, cando o BNG se desangra, Beiras, persoa que merece todos os respetos, lanza a idea de vover a facer unha fronte ampla. Volve a clamar polo asamblearismo. Outro erro. Nun país maduro, a xente demanda forzas políticas estables que teñan as raíces postas na realidade social; forzas nas que non exista unha cerrazón ideolóxica nin que dividan ao país entre uns e outros. Ou sexa: os bos e os malos. Outra fronte, pois non. Pero ¿fronte quén imos loitar? Galiza necesita unha oferta electoral nova que beba do galeguismo, do nacionalismo, que persiga un progresismo social e que sexa independente das organización sociais e sindicais. E dentro desas coordenadas haberá que traballar partindo da afiliación individual, para fuxir dos graves erros que tivo e que cometeu o frentismo.


Facer un BNG II non se precisa. Para iso xa está o que hai. Nesta terra hai cabida para dúas forzas políticas. Dúas formas de ver o país. Dúas formas de entender a nosa xente. E ningunha das dúas opción terá máis valor co da lexitimación dos votos. Dúas forzas que se relacionen, que coíncidan e que discrepen. Pero non hai cabida para outra fronte que se consuma nun asamblearismo estéril, e que soio servía como elemento de catarse para os militantes asistentes. Eu, como persoa xa desvinculada orgánicamente do Bloque, reclamo o nacemento dunha forza política que sexa capaz de cubrir o espazo que a día de hoxe non foi capaz de cubrir o frentismo. Deixémonos de leria, de mirarnos a nos mesmos, e fagamos a opción política que demanda moita xente e poñámonos a traballar polo ben desta terra, que hai moito que facer.

Te puede interesar