Opinión

Non son de eiquí nin son de alá

Aínda que a música activa é a miña paixón, non lles falarei da cantiga que Facundo Cabral, ise cantautor filósofo que levaba polo mundo un canto, que dicia: No soy de aquí ni soy de allá, no tengo edad ni porvenir y ser feliz es mi carnet de identidad. Toda unha maneira de ver a vida. Aproveito o título para falar desa xente que, na vida pública, practica o camiñar movéndose de partido segundo o momento e a comenencia.

Primeiro direi que son dos que entendo que todo o mundo que participa na política, en primeiro lugar, faino porque quere aportar cousas positivas á sociedade na que vive. E pra elo supónselle certa dose de altruísmo e de traballo desinteresado polos demais. Tamén sei, e dígoo por experiencia, que as persoas que están baixo as siglas partidarias deben saber que pertencer a unha organización política non implica que se vai facer todo o que ti pensas. Nestas organizacións hai que aceptar os principios democráticos e sempre hai cousas coas que non estás de acordo. E iso implica perder votacións, coller cabreos e entender que todo grupo humano ten defectos e limitacións. Mais cando isto acontece e non aceptas as liñas do grupo, podes irte, deixando cargos electos e compromisos. Dito isto, aceptar ir nunha lista electoral supón un grao de atadura e aceptación dos postulados cos que está baixo esa sigla. 

Mais nesta horta, ou nesta sociedade, hai milleiros de especies e, polo tanto, moitas formas de entender o compromiso social. E das ambicións de cada quen parten os trocos que, cando son seguidos, pouco positivo din da persoa que os fai. Os vaivéns polos que un pode ser de eiquí e dalá segundo o momento e a comenencia, sinalan que quen os practica busca na política outros obxectivos que están ó marxe do servizo da comunidade. 

Hai persoas que pensan que como en política participa moita xente moza, os vaivéns relaciónanse coa maduración da persoa e coa experiencia que lle falta pra estar licenciado nas cuestións da vida. Exemplos hainos ate no Goberno do Estado, pois hai quen quere ser á vez oposición. O certo é que os vaivéns destas persoas que mudan de formación sendo cargos elixidos noutras siglas, deixa un tufo que fala de fraxilidade ideolóxica e do compromiso social. Por outra parte, fala de oportunismo, entendendo este como asegurarse o seguir na política, ou sexa montado no machiño, por moito tempo ou facelo por unha promesa de futuro.

A cantiga que Cabral aliñaba con fermosas verbas, fala dunha filosofía de vida dunha persoa un tanto libre que so camiña polo mundo buscando ser feliz. Moitas persoas na política activa tamén só buscan abrirlle camiño pra mellorar na sociedade. Mais cando estas persoas perden ise horizonte e soamente teñen o obxectivo de manterse no machiño, enténdase no poder ou preto del, todo o demais perde sentido e deixa un tufo de desconfianza en quen practica iso de non son de eiquí nin son de alá. En fin, son do sol que máis quenta. E iso acontece con moita frecuencia nesta provincia onde exemplos hai dabondo.

Te puede interesar