Opinión

Non todos son iguais

Con bastante frecuencia, nas conversas entre compañeiros e algúns amigos salta o tema da política. Estamos en campaña e isto ven sendo normal. E sempre hai algún que che zasca coa frase “todos son iguais”, referíndose ós partidos que compiten e ás persoas que van nas súas listas. E como todos son iguais, ou non voto, ou voto ó chou. E para os que fomos militantes sociais moitos anos a cambio de nada, ó escoitar tal aseveración éntranos un cabreo que nin vos conto. É verdade que todos os grupos políticos, incluíndo as persoas que neles militan, teñen defectos. E como en todos os colectivos, algunhas persoas teñen envexas e tamén ambicións. Mais eso de que todos son iguais, ó afirmalo con tanta retranca, manca e moito. Ademais de ser un argumento vacuo que agocha certo fariseísmo ou a envexa por non poder estar e facer o mesmo que algúns fan, sinala ignorancia, certo complexo e moita frustración. 

Todas as persoas que dalgunha maneira participaron en movementos sociais, foron militantes dunha formación política ou traballaron en asociacións culturais e veciñais síntense, e eu tamén, un tanto desconcertadas ó escoitar a afirmación de que todos son iguais. Porque os que andivemos nestas leas sabemos que non é certo. Sabemos que iso é unha falacia. E para mostra temos hoxe na cidade un bo exemplo. Temos un exemplo onde a mala educación, o comportamento groseiro e a formas máis chocalleiras campan nunha institución onde o insulto e a mentira son o modelo que se instaurou nestes catro anos 

Non todos son iguais, querido amigo. Uns teñen educación e son máis sensibles e respectuosos coa xente, que é o mesmo ca dicir cos gobernados. Tamén uns teñen máis control dos cartos públicos e non dilapidan os presupostos do Concello en caprichos como ramplas mecánicas e outras caralladas. Uns non van a sisar ou a roubar e facer caixa como leva saído á luz nos medios.

Os que traballamos moitos anos reivindicando melloras en diversas partes do concello, si sabemos distinguir entre o grao e a palla; entre os que chegaron contando mentiras a reo e os que por ideoloxía aínda cren na xente altruísta que non vai facer caixa nunha institución pública, senón a traballar polo común.

En Ourense cidade quedan poucos días para deixar atrás os catro anos máis esperpénticos e escuros da época democrática. Quedan poucos días para botar fora do Concello a uns okupas sen educación que, carentes da máis mínima ética, enlamaron e enmerdaron unha institución pública. Tres son as alternativas con opción de chegar á alcaldía: a dos populares, a do PSOE e a do BNG. A primeira, con haberes negativos que trouxeron retrasos para a cidade importantes e que hoxe padecemos. A segunda, con acertos que se truncaron polo derramos que fixo a xuiza de Lara. E queda unha terceira que pertence a unha nova xeración que aspira a deixar a súa impronta nesta fermosa cidade: esa é a do BNG. 

Eu, como moitos ourensáns, penso que é o tempo de mudar cara algo novo que non teña relación co pasado, que rache definitivamente coas malas formas e que busque consensos nos temas importantes que nos afectan ós cidadáns desta vella Auria. 

En fin, a eses veciños que din que todos son iguais, dicirlles que viven nun erro se pensan así. Si que hai diferencias, e sustanciáis que logo se notan nas políticas que nos afectan a todos. Querido amigo, estás moi errado, pois non son todos iguais. E se non, ó tempo.

Te puede interesar