Opinión

O galeguismo está orfo

A convocatoria electoral do 5-A colleu a algunhas forzas políticas galegas a contrapé, pois aínda andan a mirar como e con quen concurrirán a estes comicios. Os electores, de momento, teñen diante si case as mesmas opcións que en convocatorias anteriores. En primeiro lugar estarán os populares cun Feijoo que di querer camiñar sen ataduras e por libre, incluso do seu partido. Veremos se é certo e comenza o camiño actuando como un verdadeiro representante e presidente desta terra, ainda que iso lle custe enfrontarse a súa propia organización. E, fronte as súas propostas, terá ós socialdemocratas do PSOE. E nese mesmo eido estarán os de Podemos e pouco máis que contar.

Pola banda galega aparece o Bloque e o grupo resultante entre Anova e Mareas, formacións que ate agora nunca tiveron como opción abranguer un espazo electoral amplo que lles permita ser opción de goberno. E ao seu carón está CxG que, a día de hoxe, por non ter un líder carismático e tampouco a forza pra ocupar un espazo electoral que sigue a estar baleiro, non conta pra ninguén.

Ou sexa: se nos atemos á historia de cada grupo e a súa forma de actuar nesta terra; terra pouco dada ós radicalismos, o nacionalismo autodeterminista conformarase con ser muleta do PSOE e, no mellor dos casos, se chegan os escanos, axudar a conformar unha nova maioría. Nesta terra falta unha forza política que, fuxindo dese nacionalismo que se conforma coa utopía e vive comodamente sen aspirar a ser goberno, encandile a milleiros de galegos que son galeguistas pero non nacionalistas, e que son a clave pra que gobernen sempre os populares. Ben sei que houbo intentos fallidos de camiñar cara un PNV á galega. Si, unha forza política que teña un pragmatismo que lle permita entrar na masa votante do PP, agrandar o autogoberno e defender cuestións que son vitais para esta terra. Dixen houbo intentos, e lembro a Coalición Galega, máis os seus dirixentes vendéronse ó poder por manter unha parceliña do dominio provincial. Por iso, nesta terra tan dada a soster un caciquismo endémico, cada día que pasa é máis difícil rachar cunha realidade que nos afoga.

Con todo, a falta duns días pra que se peche o tempo das coalicións, o panorama galego é o que é. E, de non mediar un milagre, camiñamos cara unhas eleccións nas que se presentan tres incógnitas. A a primeira é se o PP quita a maioría absoluta ou precisa axudas doutros grupos. A segunda está en saber se a extrema dereita entra en San Caetano pra traballar pola merma pra desfacer a nosa autonomía. E a terceira, coñecer se o BNG acada uns resultados mellores cós que hoxe ten. Cuestión que parece sinxela, pero que parece estar moi lonxe dos resultados que tivo cando participou do goberno bipartito. 

En fin, sabedores de que o galeguismo sigue sen voz, e parte del está na man dos populares por non ter un competidor serio, preparémonos pra unha campaña que pode deparar poucas sorpresas. E aínda que ó final son os electores os que marcarán o camiño que seguirá esta terra, por primeira vez temos novos pescadores de votos que odian as autonomías. E iso arrepía un chisco e é unha ameaza pra o noso cativo autogoberno.

Te puede interesar