Opinión

Os homes do saco

Hai xente que cando fala mete medo. E non é porque non sexa agraciada fisicamente que sobor diso non hai medida, pois o da beleza é un elemento moi subxectivo. Mais cando saen á palestra determinadas vacas sagradas e soltan algunha frase, o contido que dela se extrae circula polos medios e, do que din, dedúcese que, no fondo, teñen saudade doutras formas de goberno que non son democráticas. E eso é un tanto tenebroso, por iso meten certo medo cando falan.

Estes persoeiros que non recoñecen erros durante a súa xestión de mandatarios ou aquelas figuras que teñen certo caché e din, como o señor Vargas Llosa, que hai que votar ben, e que a liberdade non é o que máis importa, tentan sentar cátedra, mais o que din sona moi mal. Parece que non entenden que sen liberdade non se pode votar libremente. Xa sei que, as veces, a xente que vota libremente cae en enganos que despois se pagan moi caro. Pero a democracia ten eses riscos. Riscos que case sempre se poden trocar nun prazo de tempo. Tamén sei que houbo casos ben coñecidos nos que foi moi difícil desfacer o erro colectivo.

Mais as leis da democracia son unha persoa, un voto. E niso de votar sen liberdade, neste noso Estado sabemos moito, pois a democracia orgánica, mellor, a ditadura, amañou as poucas eleccións que había pra elixir os cargos que conformaban as Cortes do chamado Movemento Nacional.

Outro dos persoeiros que cando fala parece o home do saco é ise expresidente que apareceu na foto nas Azores pra xustificar unha guerra. Algún dos que estaba nesa foto xa pediu desculpas. Mais este expresidente sigue a manter que obraron ben declarando aquela infausta agresión a Iraq. E seguindo esa liña, este señor pontifica buscando cancha nos medios, e incluso mofándose de autoridades estranxeiras como o fixo do presidente mexicano. Unha muller que está en activo e que sigue igual camiño é a presidenta Ayuso. E faino pra demonizar ós movementos indíxenas, mesturando indixenismo con comunismo, temas que nada teñen que ver entre si. Pois os pobos chamados indíxenas reclaman melloras, preservación da súa cultura e terras que lles foron arrebatadas. E o comunismo é unha ideoloxía nacida a finais do século XIX na que o Estado controla os medios de produción e a propiedade privada e que tomou notoriedade no século XX sobor de todo na desaparecida Unión Soviética. Todos estes persoeiros que pregoan e lanzan mensaxes simples e populistas, parece que desexan volver á España en branco e negro na que celebrabamos o día da raza e outras lindezas que é mellor esquecer.

Os novos homes do saco, que contaxian e inflúen nos líderes da dereita, semellan a eses homes que nos metían medo cando eramos cativos. No fondo, estes persoeiros, o que queren é facerse notar pra non ser uns elementos decorativos que teñen certo mono de non ser escoitados nunha sociedade que xa os deixou atrás. En fin, a sensación que se percibe é que debe ser moi duro vivir fora dos focos cando fuches unha estrela da política e non tes nada que facer. Por eso, é unha virtude saber retirarse e non andar a meterlle medo á xente con frases e ditos que nos lembran os homes do saco cos que nos ameazaban cando eramos cativos.

Te puede interesar