Opinión

Ourense cara un ermo cultural

Acultura debe ser considerada como unha faceta importante e necesaria dentro dunha sociedade. E por iso quero comentar a situación da cultura nesta cidade do interior galaico. Formalmente, a cultura chegou ter un espazo con concellería propia na maioría dos concellos coa chegada da democracia. E entre eses concellos estaba o da nosa cidade, pois antes a concellería era de festas, aínda que nela facíanse actividades culturais. E dende esa data, houbo moitos concelleiros que tentaron deixar marca. Pretendían facelo abranguendo dous espazos ou obxectivos que non son contrapostos. O primeiro era manter as festas tradicionais da cidade (Corpus, Maios e Entroido, etc.), e o outro era ter un tecido cultural asociativo no municipio que fora base para aumentar a participación da veciñanza dos distintos barrios e partes do concello.

Na lembranza, aínda que hai máis, citarei a un concelleiro: Balbino Álvarez, e a dúas concelleiras: Isabel Pérez e Ana Garrido. Esta xente, coa súa labor, entenderon que a vida cultural non só era traer grandes actuacións nas festas e demais actos, senon que era preciso ter en todo o concello un tecido cultural de base que axudara a dinamizalo e que fomentase a participación social e mellorase o coñecemento da nosa historia local e a descafeinada ourensanía que outros organismos promoven.

Mais os tempos trocaron e no Concello chegou o mandato da desfeita; chegou o tempo no que o pouco que quedaba e funcionaba había que pechalo. E apareceu o modelo que di: o que queira cultura que a pague. E desta maneira, e con esa dialéctica incendiaria dos que andan carentes de cultura e sensibilidade, perdeuse en boa parte o Festival Pórtico da Paraíso; pasouse o Festival de Cine á Deputación, cita que camiña cara unha desfiguración do que debía ser; cortáronse, con impedimentos varios e restricións absurdas, o cativo apoio ás actividades culturais que se facían nos barrios; pechouse o museo municipal; medio pechouse o Auditorio, e todo vai camiño de esnaquizar a Universidade Popular. A iso hai que sumarlle a desaparición da Banda de Música, e podíamos seguir nomeando máis cousas. Pola contra, chegou o tempo dos asesores nos que se gasta un diñeiral; tamén o dos cargos a dedo, o do city manager e o das ocorrencias estrafalarias.

Ourense camiña dereito a ser un ermo cultural. Non abonda con perder poboación e ver como morre o pequeno comercio, senon que hai que rematar coas actividades culturais que xa existían e que axudaban a que non se despersonalizara máis a cidade. No tempo do individualismo, a política cultural limitase a traer algunha actuación de persoeiros ou grupos foráneos e nada máis. Ou sexa: actuar como unha axencia de contratación de espectáculos seguindo o camiño da cultura de masas que nos marcan dende fora. O descoñecemento de que hai outra cultura que lle da personalidade ao concello e á cidade é evidente. E a pouca actividade cultural que queda resiste e vive ó marxe dun Concello e demais entidades públicas que a ignoran. O empeño da xente altruísta que se move nos barrios desta cidade é que mantén vivas asociacións, recupera datas históricas e festas, ten a esperanza de que este andazo axiña pasará ó esquecemento, e de que Ourense, que anos atrás chamouse a Atenas de Galicia, supere esta outra pandemia. Chegou o momento de que todos os que traballamos de maneira altruísta pola cultura de base unamos a nosa voz e tentemos poñerlle freo a este despropósito. Se non o facemos, seremos cómplices desta desfeita que desprestixia ao Concello como institución e por extensión a nosa cidade e aos que vivimos nela.

Te puede interesar