Opinión

Ourense, por riba das ideoloxías

A conversa era entre dous veciños votantes da dereita. Un dicíalle o outro:

-Viches o que din ises carteis?

-Si -din-: Sos Ourense.

-E eso que quere dicir?

-Pois que Ourense está pra entrar na UVI da residencia.

-Coño! E por qué?

-Pois, porque tanto o Concello como a provincia van cara abaixo, ou sexa: estamos moi mal gobernados e cada día que pasa imos a peor.

-Non me extraña! No Concello din que temos a un que é un chisco tarabelo e seica anda a poñer todo patas enriba. E que mais di o papel?

-Pois di que o 18, este xoves que ven, hai que manifestarse e dicir que así non podemos seguir.

-Bo, eso non é pra min.

-Pois estás errado compañeiro. Agora, ao marxe das túas ideas e a quen votes, hai que saír á rúa e berrar que por este camiño imos moi mal.

-Pois logo irei contigo e esa manifestación.

O alcalde que temos non ten patente de corso pra facer o que queira e dilapidar os cartos públicos contratando amigos e unha ringleira de asesores que actúan de comisarios políticos. Polo tanto, é o momento de dicir que os servizos están paralizados pola falla de xestión. Que se está minusvalorando ós técnicos do Concello porque non fan os informes que quere o alcalde, é que chegou o momento de esixir respecto á institución municipal. Hai que ter na alcaldía a unha persoa seria que sexa recibida e escoitada nas demais administracións da Xunta e do Estado, cuestión que hoxe non acontece. Pois a este que temos ninguén o toma en serio. Tamén é o momento de esixir que os plenos do Concello deixen de ser o programa de Sálvame, e que Ourense non pode ser o faime rir de todo o Estado. Son tantas as cousas amigo que temos que saír a rúa a dicir que, goberne quen goberne, estará sempre sometido a unha maioría, e que non pode facer o que lle ven en gaña ou o que cada día se lle ocorre, como tristemente acontece.

Lembras o que lle esixía Jácome cando estaba na oposición os demais? Pois levaba a todos ó xulgado sen probas e pedía dimisións. E agora, de 27 concelleiros, 24 censúrano e non ten a vergoña de dimitir. Pero o mais curioso é que moitos dos que o censuraron agora axudan a mantelo no poder. En fin, o que pasa no Concello é un esperpento. Que o alcalde que temos é unha persoa carente da máis mínima ética e que, xunto aos que o apoian, está a facer todo o contrario do que prometeu no seu día, pois é unha evidencia. Que se ri dos que non o votaron e dos que o votaron, tamén. Que gasta os cartos do Concello na súa televisión, el mesmo o di. A ti compañeiro paréceche normal que se gasten en asesores case dous millóns de euros? Semella que no equipo do goberno, uns están polo soldo e algún por facer caixa. En fin, chegou a hora de saír á rúa, e ao marxe da túa opción política e do que votes, amosar a nosa valentía en defensa deste Ourense que cae a cachos. Pois moitos ourensáns sentímonos enganados ao ver que nada bo se fai e que imos cara abaixo como concello e como provincia. En fin, pola dignidade da institución municipal e porque queremos un Ourense mellor onde non se dilapiden os cartos e teñamos mellores servizos; onde a cultura teña un espazo digno dentro da casa de todos; onde o respecto e a educación campen como debe ser nunha democracia, o xoves 18 na rúa amosemos o noso malestar co que fai este alcalde. Berremos que estamos fartos de tanta mediocridade e despilfarro. Ergamos a nosa voz contra quen non respecta as normas da democracia e, por riba das nosas ideoloxías, salgamos á rúa pra amosar o noso desacordo con quen maltrata o concello. Ourense, meréceo.

Te puede interesar