Opinión

Esas pequenas cousas

Opinión

Esas pequenas cousas

Pasada a ilusión da lotería e tamén a dos reis, ó facer repaso do acontecido nestas datas de Nadal chega o momento da valoración deses pequenos agasallos. Andamos nun tempo no que todo funciona ou mal, ou a medio gas, polo que facemos bo o dito: fun á casa do veciño e amoleime, logo viñen á miña e arregleime. O que ven dicir que pouco podemos esperar neste momento no eido cultural das institucións que nos gobernan, especialmente do Concello, polo que temos que camiñar soíños como o facemos dende hai anos.

O certo é que estes entes que non teñen liberados nin asesores, que non pagan soldos e que traballan desinteresadamente son os que crean comunidade e manteñen a unión da veciñanza como se fose unha grande familia. E isto acontece case todos os anos neste lugar de Seixalbo, onde o tesón e o traballo de dúas organizacións sempre nos agasallan con actividades que enraízan coas tradicións que seguen vivas nesta nosa vila. Como en anos anteriores, a asociación veciñal animou ós habitantes a decorar os balcóns das súas casas pra darlle cor ó Nadal; convocatoria que cada ano ten máis seguidores.

O 29 de decembro, Agromadas presentoulle ós veciños en formato vídeo o Parrafeo de despedida do ano. Esta antiga tradición que se facía na praza de Seixalbo foi recuperada por Agromadas hai 11 anos e dende entón faise de maneira continuada. Desta vez foi participado por un grupo importante de veciños, a maioría pertencentes ó grupo de teatro. Neses días tamén saiu á luz un vídeo recopilando o teatro de Nadal que iniciou Mela González hai máis de 10 anos. 

 Logo, a asociación veciñal enviou ao Apalpador e aos Reis Magos, que chegaron á porta das casas dos rapaces e rapazas que lles enviaron unha carta. Días antes, presentou na súa páxina de Facebook “Vila de Seixalbo” “A cociña de Seixalbo”. Nesta revista saíron á luz 18 receitas que foron remitidas polas xentes do lugar. Posteriormente homenaxeou ós maiores da vila de oitenta anos. E pra elo editou unha revista de 32 paáxinas. cunha foto individual e unha entrevista persoal na que falaban, en síntese, da profesión e as peripecias da súa vida. Ademais, agasallou as 41 persoas cunha foto enmarcada como recordo. 

Nese mesmo Día de Reis, Agromadas presentou o calendario A Horta de Seixalbo. Este traballo, no que participaron entre outras persoas Marga Seara e Nate Borrajo, recolle ditos e datas pra aprender a cultivar a horta, pois as xeracións de hoxe descoñecen como se traballaba a terra. E o coidado da horta, anos atrás, foi a base fundamental da economía familiar en Seixalbo. Compre non esquecer os pementos, tomates e viño que eiquí se collían e que marchaban para todas as prazas de Galicia.

A todo o dito hai que sumarlle que a aula de lectura que leva María Jesús Pazo seguiu nesas datas funcionando mediante chat. 

En fin, para os que vivimos en Seixalbo é vital que existan entidades sen ánimo de lucro que traballan a prol dos veciños, e que a pesares de moitos atrancos perduren no tempo. Por iso, a pesares da pandemia, estas pequenas cousas que se fixeron neste núcleo histórico de valor etnográfico son tan importantes. Comencei dicindo: fun a casa do veño e amoleime e viñen a miña e arregleime e decateime de que, no eido cultural, nada esperamos do Concello e nada se fará se non o abordamos nós. En fin, saúde e a seguir camiñando pola vida.

Nota: Pra ver estas actividades, ir ó Facebook de Vila de Seixalbo ou en Youtube: “Agromadas parrafeo 2020”. Tamén no Facebook de Agromadas están o vídeo de Marisol Delgado: “Obra de Reis V2 final”.